O Concello de Ferrol vén de activar unha nova canle de comunicación coa cidadanía a través da red social Whatsapp. A partir de agora, calquera veciño ou persoa interesada en estar ao día na actualidade municipal pode inscribirse de forma totalmente anónima e, por suposto, completamente gratuíta e segura, na mesma aplicación móvil a través desta ligazón ou escaneando o QR adxunto.
A nova canle substituirá de forma progresiva aos grupos de difusión polos que ata o de agora se enviaban notificacións á veciñanza, se ben cada usuario precisaba dar os seus datos para recibir a alta no servizo. Co novo método xa non é necesario o rexistro, senón que, como xa se mencionou, trátase dunha comunicación que garante o anonimato dos usuarios ao non ser precisa a alta.
Basta con premer na ligazón (ou QR) para acceder á canle. Na parte superior da pantalla está habilitado o botón “Seguir”, no que haberá que premer para que quede activado o acceso á canle do Concello.
Cada vez que se actualice con algún contido, o usuario verá un aviso (de cor verde) no apartado de “Novedades”, no submenú inferior da aplicación.
Que tipo de contidos atoparán os cidadáns?. Desde as novas máis relevantes ata outro tipo de notificacións municipais de interese como poden ser anuncios, convocatorias ou espectáculos programados.
A nova canle de Whatsapp súmase ás outras redes sociais nas que ten presenza o Concello, a saber, Facebook, X, Instagram, YouTube e TikTok.