venres, 29 de novembro de 2024
Ferrol 5G achega as empresas á mocidade a través do ‘networking’, humor e gastronomía
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, inaugurou o evento no que se abordará o naval e a moda
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, inaugurou esta tarde a xornada Ferrol 5G que se celebrou no centro cultural Torrente Ballester e que busca achegar as empresas á mocidade nun evento distendido con humor, gastronomía e música.
Esta iniciativa xurdiu tras “escoitar as necesidades da mocidade, que sabemos que contan cun gran talento pero ao mesmo tempo enfróntanse a dificultades á hora de acceder a oportunidades laborais”, expresou o alcalde.
“Neste contexto nace Ferrol 5G como unha plataforma que busca conectar á nosa xuventude coas posibilidades que ofrece Ferrol”, engadiu. Durante a xornada fomentouse o diálogo, a participación activa e, sobre todo, contribuiuse a construír un futuro en Ferrol. “Este é un espazo para informarvos tamén para inspirarvos”, asegurou.
Ferrol 5G distribuiuse en dous bloques temáticos, nos que se abordaron sectores con gran potencial e saída laboral na cidade departamental. Por unha banda, o bloque de moda, que contou coa participación do Grao en xestión industrial da moda e, pola outra, o bloque do sector naval, unha referencia en Ferrol grazas á Armada e a Navantia.
Ambos bloques contaron coa colaboración activa da Universidade de A Coruña, unha institución clave na formación e preparación da mocidade para responder ás demandas do mercado laboral.
O encargado de presentar esta xornada foi o humorista Rafa Durán, e ao longo do evento houbo música a cargo de Ferrock, un espazo de networking e unha degustación gastronómica saudable a cargo de Salpementa.