Novas

venres, 29 de novembro de 2024

‘Mans que salvan vidas’ chega á súa terceira edición co obxectivo de formar á poboación en primeiros auxilios

A concelleira de Seguridade, Pamen Pieltain, presentou hoxe esta iniciativa, destinada a escolares e particulares a través de colexios, entidades e clubs deportivos


‘Mans que salvan vidas’ chega á súa terceira edición co obxectivo de formar á poboación en primeiros auxilios

A concelleira de Seguridade, Pamen Pieltain, presentou esta mañá, xunto a Alejandro Santiago e Javier Moreno, coordinador e formador de Protección Civil respectivamente, a terceira edición da campaña Mans que salvan vidas, coa que se ofrecerá formación en primeiros auxilios a escolares, profesores e tamén a cidadáns a través das entidades veciñais.

Ao abeiro desta iniciativa, os participantes poderán coñecer como actuar ante a aparición de queimaduras, feridas e hemorraxias, mordeduras e picaduras ou aprender as técnicas básicas de RCP.

A concelleira destacou a importancia que ten que tanto o alumnado como a cidadanía en xeral, conte con coñecementos básicos para reaccionar ante situacións imprevistas que poden comprometer o benestar das persoas. O obxectivo é establecer unha cultura preventiva que permita reaccionar ante circunstancias excepcionais que poidan comprometer a saúde. “A información é poder”, afirmou, polo que “parécenos fundamental formar aos nosos nenos e nenas e veciños e veciñas para que teñan os coñecementos básicos para saber como actuar ante unha emerxencia”.

Tal e como indicou Javier Moreno, encargado das formacións, en 2023-2024 instruíuse a máis de 4.100 persoas e, este ano, espérase repetir o éxito de convocatoria. Pola súa banda, Alejandro Santiago destacou que o que buscan é achegar os primeiros auxilios ao máximo número de persoas posibles, así como a gran acollida que teñen estas formacións.

Cómpre destacar que, os cidadáns que desexen participar, deberán facelo a través de entidades veciñais ou deportivas, que terán que inscribirse a través deste enlace.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar