venres, 29 de novembro de 2024
O alcalde de Ferrol inaugura as IV xornadas Puerto-Empresa
José Manuel Rey Varela destacou o papel da dársena ferrolá como elemento tractor que abre a cidade a novos retos e á diversificación da actividade empresarial
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, José Manuel Rey Varela, inaugurou esta mañá as IV Xornadas Puerto-Empresa organizadas pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao que se están a desenvolver no CIS de A Cabana e que abordarán o papel do porto de Ferrol como vector enerxético.
O evento reúne a membros da comunidade portuaria, do tecido empresarial e a representantes das Administracións públicas, como o presidente de Puertos del Estado, Álvaro Rodríguez, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, ou o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea.
Estas xornadas nacen do obxectivo da dársena ferrolana, compartido polo Concello de Ferrol, de traballar en colaboración para favorecer o impulso económico e social da cidade departamental e do norte de Galicia. Neste sentido, Rey Varela fixo fincapé na necesidade de dar impulso ás múltiples oportunidades que ten Ferrol para o presente e o futuro a través do porto, que representa “un elemento tractor, unha chave que abre a cidade a novos retos e á diversificación da actividade empresarial e industrial”.
Ademais de ser unha cidade naval, “Ferrol é tamén referente en eólica mariña e está moi ben posicionado no despegue do hidróxeno como enerxía do futuro”e a aposta pola cidade faise evidente con fitos como que sexa sede do Polo de Innovación das Enerxías Mariñas e de Almacenamento de Enerxía”.
Así mesmo, o alcalde fixo referencia a outro dos temas estratéxicos de cidade: a creación de chan industrial. “Para continuar na senda do progreso fai falla solo no que traballar e, agora, temos a posibilidade de desenvolver ese chan na contorna de Mandiá a través das Zonas de aceleración de proxectos empresariais e solo (ZAPES) da Xunta de Galicia”. Esta figura permite crear pequenos polígonos onde existe demanda de empresas para instalarse e reducen a media de 10 anos que supón facer unha grande área empresarial a un ano e medio para que os proxectos poidan comezar a súa construción. “Esta iniciativa de chan industrial permitirá que sexa empregado por empresas que despois poderán ter saída a través do porto de Ferrol”, informou o alcalde.
Neste contexto de impulso á industria e ás empresas da cidade, Rey Varela lembrou que o Goberno local simplificou a tramitación para aqueles que desexen apostar comercialmente por Ferrol a través da ordenanza municipal reguladora dos títulos habilitantes urbanísticos e das actividades, que permitirá obter a licenza nun prazo máximo de tres meses, que se pode ver reducido a 30 días no caso dos proxectos declarados Doing business e os de especial interese municipal. Así mesmo, reducíronse a un mes os prazos para obter licenzas con certificado ECCOM e a 15 días as licenzas para a actividade empresarial de acordo coa Lei 9/12.
O alcalde de Ferrol concluíu a súa intervención reiterando o potencial da cidade e o deber das Administracións públicas de traballar conxuntamente para aproveitar todas as oportunidades que redunden no progreso da urbe naval.