xoves, 28 de novembro de 2024
O pleno do Concello dá luz verde á aprobación inicial dos orzamentos do 2025
As terceiras contas no que vai de mandato sitúanse preto dos 92 millóns de euros, en consonancia coas actuais
O pleno do Concello de Ferrol deu luz verde á aprobación inicial do orzamento para o exercicio 2025, que se sitúa en 91.914.004,72 euros, isto é, unha cifra parella á das contas do 2024 que, segundo o Executivo local, “permitirá que Ferrol se dote dunha estabilidade orzamentaria”. De feito, trátase do terceiro orzamento no que vai de mandato; tal e como expuxo a concelleira de Facenda, Susana Sanjurjo: “Cumprimos co compromiso dado á cidadanía de aprobar un orzamento cada ano”.
A aprobación das contas saíu adiante cos votos a favor do Goberno local, mentras que PSOE, BNG e FeC votaron en contra.
Segundo subliñou Sanjurjo, o orzamento do 2025 “dará tamén continuidade aos compromisos firmes orzamentarios doutras administracións como o convenio con Defensa, Abrir Ferrol ao mar, a Cidade do deporte e o saneamento da zona rural”.
Co obxectivo de Ccumprir cos proxectos deseñados cos ferroláns” no ano 2023, o Executivo local defendeu unha planificación plurianualizada ata o 2027. No ano 2024 contempláronse 21.407.470,57 millóns de euros de investimento e para o 2025 destinaranse 16.622.253,46 millóns de euros e inclúe un crédito de 8,8 millóns de euros.
Sanjurjo destacou que o orzamento do 2025 “seguirá blindando o gasto social, incrementando un 4% o investimento en políticas de benestar”. Ademais, “aumentarase un 3% o gasto de persoal municipal, e cultura, educación, deporte e turismo crecerán un 61%”. Tamén os servizos do día a día e o coidado da cidade aumentarán un 24,28%, mentres que a alcaldía descenderá un 3,39%, de acordo coa intervención da concelleira.
EVOLUCIÓN DAS CONTAS DURANTE O MANDATO
No
ano 2023 o Goberno encabezado por José Manuel Rey Varela aprobou un
orzamento de 78.865.879,85 euros, incrementando un 21,30% o orzamento
inicial prorrogado do 2023 e un 20,87% respecto do orzamento inicial
prorrogado do 2022. No presente exercicio saíron adiante unhas
contas de 92.183.850,82 euros, a cifra máis alta da historia de
Ferrol e que supuxo un incremento do 16,89% con respecto ao orzamento
aprobado no 2023. O orzamento do 2025 -moi parello ao actual- dará
continuidade “aos proxectos de cidade”, destacou o Goberno local.
MINUTO DE SILENCIO
Por outra banda, a Corporación muncipal gardou un minuto de silencio ao inicio da sesión pola asasinato dunha rapaza de 15 anos, por presunta violencia de xénero na provincia de Alacante, o pasado día 24 de novembro. Así mesmo, o pleno aprobou unha declaración institucional do 25N, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller.