Novas

mércores, 27 de novembro de 2024

Rey Varela clausura o programa integrado de emprego do Concello de Ferrol 2023-2024

Un total de 112 persoas participaron nesta edición desta iniciativa, que busca mellorar a ocupabilidade das persoas en situación de desemprego


Rey Varela clausura o programa integrado de emprego do Concello de Ferrol 2023-2024

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, clausurou esta tarde o programa integrado de emprego do Concello de Ferrol 2023-2024 na sede de Afundación na cidade, un acto ao que tamén asistiu a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

O rexedor felicitou aos alumnos e alumnas, ao equipo que participa na súa formación e ás 19 empresas adheridas ao programa. A través do Programa Integrado de Emprego búscase mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego con intermediación laboral e durante un período de 12 meses. Nesta edición participaron 112 alumnos de colectivos prioritarios como persoas en risco de exclusión social, con discapacidade, mulleres vítimas de violencia de xénero, parados de longa duración ou persoas inmigrantes, entre outros.

Tras un período en diferentes itinerarios formativos, hoxe estes alumnos convértense en novos profesionais cualificados que están desexando poder poñer en práctica os coñecementos adquiridos”, manifestou Rey Varela. O emprego permite a autonomía e integración destes grupos de poboación e “desde o Concello de Ferrol estudamos cales son os principais nichos de emprego nestes momentos para ofrecer unha formación integral e transversal que nos permita axudalos a conseguir un posto de traballo”, engadiu.

Neste sentido, a data de hoxe, a porcentaxe de persoas con boas perspectivas de cara ao mercado laboral chega ao 62%, un dato que convida a “seguir traballando polos soños e polas metas de cada un destes alumnos, nun camiño no que teñen o respaldo do Concello de Ferrol”, concluíu o alcalde.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar