mércores, 27 de novembro de 2024
As obras da avenida de As Pías darán resposta á demanda do Concello de manter as prazas de aparcamento en Caranza
Tratábase tamén dunha demanda veciñal que foi respondida favorablemente durante o transcurso da reunión de seguimento dos traballos celebrada esta mañá, na que participou o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, participou esta mañá na reunión de coordinación e seguimento das obras de humanización da avenida de As Pías FE-14, que tivo lugar na oficina da rúa Venezuela,1, e á que acudiron a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e técnicos do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible (Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia).
Durante a mesma, o rexedor reiterou cuestións que preocupan aos veciños e veciñas como a situación da eliminación de 14 prazas de estacionamento en Caranza. “Desde o principio, o plantexamento do Concello é que a ampliación de zonas verdes é imprescindible, pero ten que ser compatible con non perder aparcadoiros e, se se poden gañar prazas, moito mellor”, expresou. Na reunión o alcalde foi informado de que se conseguiu dita demanda do Goberno local e dos veciños de manter as prazas de aparcamento, que se incrementarán en tres máis, o que fará un total de 17 prazas.
Por outra banda, segundo a información trasladada polos técnicos do Ministerio, o vindeiro cambio no tráfico rodado producirase o luns 2 de decembro, cando se procederá á pavimentación da nova glorieta da rúa Nova de Caranza e conexións coas rúas adxacentes, o que obrigará a pechar o actual by-pass rodado. O cruce peonil da FE-14 será reposto nas inmediacións da nova glorieta en execución. Esta modificación manterase ata o 20 de decembro. O alcalde trasladou a súa preocupación no que respecta ao cumprimento dos prazos para que o barrio de Ultramar non quede sitiado por segundo ano consecutivo no Nadal.
Por último, Rey Varela agradeceu a predisposición por parte da subdelegada e Demarcación de Carreteras así como das entidades veciñais.