mércores, 27 de novembro de 2024
A banda de música do Tercio Norte realizará un concerto solidario en favor dos afectados pola dana
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e o almirante do Arsenal Militar de Ferrol, Gonzalo Villar, presentaron esta mañá a iniciativa, que terá lugar o 4 de decembro no auditorio municipal
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Gonzalo Villar, presentaron na casa do Concello o concerto solidario que a Unidad de Música del Tercio del Norte de Infantería de Marina en Ferrol realizará en favor das persoas afectadas pola dana que azotou numerosas localidades principalmente da Comunidade Valenciana e de Castela A Mancha o pasado 29 de outubro.
A actuación terá lugar o mércores 4 de decembro ás 20:30 horas no auditorio de Ferrol e as invitacións poderanse recoller na taquilla do teatro Jofre, así como o mesmo día do concerto no auditorio. Os asistentes poderán realizar o seu donativo a través de Bizum a Cáritas Castrense Armada Ferrol co código 05624, ou mediante transferencia bancaria ao número de conta ES72 0075 0123 5106 0800 9750 co concepto “concerto por la DANA”.
“É nestes momentos dramáticos cando aflora a solidariedade dos españois, dos galegos e, por suposto, dos ferroláns”, e neste contexto “presentamos unha iniciativa que se suma ás xa realizadas a través do Concello en beneficio dos afectados pola dana”, apuntou o alcalde. Así mesmo, agradeceu ao almirante, á Armada e ao Tercio Norte a posta en marcha deste concerto “ao que invitamos a asistir a toda a cidadanía para que, xuntos, consigamos facer chegar o máximo de axuda posible para os afectados pola dana”.
Pola súa banda, o almirante fixo fincapé en que “queda moito traballo por facer” despois desta catástrofe e fixo alusión á axuda aportada pola Armada desde as unidades basadas en Ferrol, lembrando que a Unidade de buceo de Ferrol está traballando nas zonas afectadas e que en próximas datas preto de 140 alumnos da Estación Naval de A Graña partirán para contribuír a que a poboación afectada recupere a normalidade á maior brevidade posible.