Novas

martes, 26 de novembro de 2024

O alcalde de Ferrol visita o local da AVV de Serantes tras as obras de rehabilitación integral

Os traballos serán recepcionados polo Concello este xoves, 28 de novembro. Supuxeron un investimento próximo aos 750.000 euros que permitiron a reestruturación integral do interior, executar mellores na accesibilidade e modernizar as infraestruturas de fontanería, entre outras


O alcalde de Ferrol visita o local da AVV de Serantes tras as obras de rehabilitación integral

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá o resultado das obras de rehabilitación integral do local sociocultural da asociación de veciños de Serantes, localizado na avenida 19 de febrero, 25. A actuación será recepcionada polo Concello este xoves, 28 de novembro.

Os traballos supuxeron unha inversión de 748.081,19 euros -dos que 215.777,15 euros están financiados pola Unión Europea-Next Generation EU- a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para uns traballos adxudicados á empresa Prace Servicios y Obras.

O alcalde celebrou a culminación destas obras (cunha superficie total construída de 346 metros cadrados), coas que se pon a disposición dos veciños e veciñas “un local social do século XXI”.

O edificio orixinal foi completamente renovado e entre as principais intervencións destacan a reestruturación integral do interior. Renováronse completamento os espazos interiores respectando a estrutura orixinal, grazas ao cal o edificio conta agora cun amplo salón de actos, oficinas, biblioteca e salas polivalentes.

Así mesmo, realizáronse melloras na accesibilidade que consistiron na incorporación de rampas e aseos adaptados, garantindo que o edificio sexa inclusivo; e modernizáronse as infraestruturas eléctricas, de fontanería e climatización, incorporando sistemas eficientes e sostibles, como bombas de calor e un sistema de iluminación LED.

Agora, ademais, os espazos contan con revestimentos adecuados aos tempos actuais e duradeiros que melloran a estética e a funcionalidade do edificio. Tamén se actuou no illamento térmico e acústico, reforzando a envolvente do edificio con materiais que reducen o consumo enerxético e que melloran as condicións acústicas.

CONSTRUCIÓN DUN ESPAZO PARA CAFETERÍA

O proxecto executado incluíu a construción dun novo volume independente destinado a albergar unha cafetería. “Este espazo foi deseñado como un punto de encontro”, afirmou o alcalde, e localízase de xeito estratéxico no recinto, complementando os servizos do edificio principal.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar