Novas

luns, 25 de novembro de 2024

Plantación de roseiras en lembranza ás mulleres asasinadas vítimas de violencia de xénero

Hoxe conmemórase o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller e o alcalde de Ferrol, xunto a representantes da corporación municipal, participou no acto celebrado esta mañá no Cantón de Molíns


Plantación de roseiras en lembranza ás mulleres asasinadas vítimas de violencia de xénero

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, xunto cunha representación da corporación municipal, participou esta mañá na plantación de roseiras no Cantón de Molíns en homenaxe ás mulleres asasinadas dende o 8 de marzo e o 24 de novembro do presente ano.

Hoxe recordamos con emoción a todas e cada unha das mulleres vítimas e aos seus fillos e fillas”, expresou o rexedor. A violencia de xénero é un “problema social de primeira orde”, manifestou, e para combatilo “debemos traballar unidos, concienciando á cidadanía e especialmente ás novas xeracións da importancia da tolerancia cero contra a violencia de xénero”.

O número de mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de 2024 ascende a 41, e a 1.285 desde o 2003, cando se iniciou a recollida destes datos.

Rey Varela amosou o total compromiso do Concello de Ferrol na loita contra esta lacra, facendo alusión, entre outros recursos, á declaración institucional aprobada pola Administración local con motivo do 25N, Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller.

Entre outros compromisos, dita declaración recolle que a promoción de campañas de sensibilización específicas sobre a violencia de xénero, o reforzo da formación dos e das profesionais que traballan no ámbito local e impulsar recursos psicolóxicos, xurídicos e sociais de apoio e coordinar accións coas distintas administracións e entidades para asegurar unha resposta áxil e efectiva na asistencia e protección inmediata ás vítimas.

Todas aquelas vítimas de violencia de xénero poden recibir axuda a través do teléfono 016, mediante consultas en liña a través do enderezo electrónico 016-online@igualdad.gob.es; da canle de WhatsApp no número 600 000 016 e do chat en liña, accesible desde a páxina web www.violenciagenero.igualdad.gob.es/.

PROGRAMACIÓN 25N

O Concello de Ferrol artellou unha amplia programación arredor desta data. Está previsto que nos centros educativos da cidade do 25 ao 29 de novembro se impartan pílulas formativas contra a violencia de xénero.

O martes 26 ás 19:30 horas presentarase no teatro Jofre a curtametraxe Eu vou contigo, coa participación da súa directora Chelo Loureiro, acto que finalizará cunha actuación de danza contemporánea a cargo da Asociación Cultural Mundo Danza de Jesús Quiroga.

A curtametraxe proxectarase tamén no auditorio de Ferrol o día 28 para o alumnado de centros educativos da cidade.

E para rematar, do 2 ao 16 de decembro, na peceira do Vicerrectorado, levarase a cabo a proxección do documental Chicas nuevas 24h da directora de cine Mabel Lozano, que dedicou os últimos anos á denuncia de trata de mulleres con fins sexuais desde o cine. Esta actividade, ofertada pola Dirección Xeral de Loita Contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, inclúe tamén unha exposición baseada no documental, interactiva e participativa, que denuncia o rendible “negocio” que xera a compra e venda de mulleres e nenas para a súa explotación sexual.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar