Novas

luns, 25 de novembro de 2024

A XGL aproba a licitación para o mantemento e reparación dos campos de céspede artificial

O órgano xestor do Concello tamén deu luz verde á segunda prórroga do contrato do servizo de control da poboación urbana da gaivota, estorniño e pomba doméstica


O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, informou de que a Xunta de Goberno local (XGL) aprobou a licitación para o mantemento e reparación dos campos de deporte de céspede artificial.

O ámbito de aplicación deste servizo comprende os campos de fútbol de Caranza, A Gándara e Aneiros, as pistas de pádel da Malata e a pista da praza de Sevilla. O orzamento base de licitación do contrato é de 215.550,70 euros (IVE incluído) para os dous anos de duración inicial do mesmo.

Hoxe damos un paso máis no noso compromiso co deporte da cidade”, expresou o alcalde, engadindo que “conscientes da situación na que se atopan as instalacións deportivas, puxémonos a traballar para mellorala”. Ao fío disto, avanzou que nas vindeiras semanas o Goberno local espera poder aprobar o Plan Director da Cidade do Deporte, dotado con 18 millóns de euros para renovar todas as instalacións deportivas da cidade.

PRÓRROGA NO SERVIZO DE CONTROL DE AVES

Outro dos acordos adoptados hoxe na XGL foi a segunda prórroga do contrato do servizo de control da poboación urbana da gaivota, estorniño e pomba doméstica. A empresa Locus Avis está á fronte deste contrato que ascende a 61.707,54 euros.

As accións de retirada de niños e ovos dos tellados prodúcese entre os meses de abril e agosto, de aí a importancia da ter este contrato en vigor ao comezo do ano.

O rexedor informou de que, durante este ano, atendéronse máis de 300 solicitudes veciñais relativas á presenza deste tipo de aves e a metodoloxía que se está a empregar é a da vixilancia e escorrentamento para propiciar o seu movemento fóra do municipio.

Calquera veciño que se vexa afectado pola presenza dalgunha destas aves, pode poñerse en contacto con Locus Avis no enderezo electrónico a.locusavis@telefonica.net.

Esta prórroga é a última do contrato e o Concello traballa xa na elaboración dos novos pregos para licitar este servizo en 2025.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar