Novas

luns, 25 de novembro de 2024

A Xunta de Goberno Local dá o visto bo ao plan director de Abrir Ferrol ao Mar

Trátase dun documento ‘fundamental’ xa que establece o marco de referencia para o desenvolvementos das intervencións de contacto da cidade co mar


A Xunta de Goberno Local dá o visto bo ao plan director de Abrir Ferrol ao Mar

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, avanzou que a Xunta de Goberno local deu o visto bo ao Plan Director para Abrir Ferrol ao Mar, tras ser revisado polo departamento de Urbanismo. “É un documento fundamental xa que establece o marco de referencia para o desenvolvemento das intervencións específicas nas diferentes zonas nas que imos actuar, dotándoas de unidade e coherencia e garantindo a súa plena integración nas actuacións”, afirmou o rexedor.

O principal obxectivo é a rexeneración integral e a implantación dun modelo de mobilidade sostible na zona perimetral de contacto da cidade co mar a través da reordenación da circulación rodada e mellora da seguridade viaria; da potenciación de mobilidade sostible, mediante a prolongación do carril bici e itinerarios peonís e a súa conexión co centro urbano e puntos de interese; a supresión de barreiras e creación de itinerarios e espazos peonís accesibles; a reordenación de prazas de estacionamento e implantación de aparcamentos disuasorios e a integración estética e paisaxística das zonas de contacto entre o mar e a trama urbana.

As accións de análise e o desenvolvemento do Plan Director centraranse en tres ámbitos principais: as actuacións nas zonas de contacto dos espazos públicos da cidade dos barrios de Ferrol Vello e A Magdalena coas instalacións do Arsenal Militar de Ferrol, nos espazos públicos da cidade no barrio de Esteiro coas instalacións do Arsenal e estaleiros de Navantia e as actuacións no contacto dos espazos públicos da enseada de Caranza co barrio de Caranza e Telleiras.

O período establecido para o desenvolvemento do Plan Director de Abrir Ferrol ao mar é o 2024-2027.

DÚAS LIÑAS DE ACTUACIÓN

Segundo revelou o rexedor o plan contempla dúas liñas estratéxicas: a cidade aberta ao mar e a cidade conectada co mar. “Queremos que todos poidamos disfrutar do mar en toda esta zona, aproveitar este marco excepcional e crear novas zonas para o ocio e deporte”.

A primeira das liñas estratéxicas inclúe: a apertura da contorna do Arsenal, Ferrol Vello e A Magdalena, a apertura do entorno do Arsenal e estaleiros de Navantia, a da contorna de Caranza e Telleiras, a reordenación das zonas de aparcamento, a potenciación de usos zonas estanciais, deportivas, recreativas e puntos de interese, de xeito que xere un gran espazo público de relación da cidade co mar conectado, accesible, integrado e a rexeneración paisaxística e patrimonial.

En canto á segunda, cidade conectada co mar, recoller resolver a conectividade coa trama urbana existente cara ao porto de Curuxeiras, a previsión de acondicionar os accesos transversais cara aos barrios de Ferrol Vello e A Magdalena e os equipamentos existentes (alameda, aparcadoiro, mercado, concatedral de San Xiao, Teatro Jofre) facéndoos accesibles para peóns e bicicletas.

A fase 2 de Abrir Ferrol ao mar é o proxecto básico e de execución que deberá estar listo en catro meses. Polo que, a finais de ano ou a principios do 2025 o Concello de Ferrol contará cos dous documentos e o seguinte paso será a licitación das obras para que poidan comezar o próximo ano. “Preto de 290.000 euros para a redacción dun proxecto que superará os 15 millóns de euros e que se poderá levar a cabo grazas ao compromiso firmado co presidente da Xunta de Galicia hai preto dun ano”, recordou.

O obxectivo principal de Abrir Ferrol ao mar é a rexeneración integral e a implantación dun modelo de mobilidade sostible na zona perimetral de contacto da cidade co mar”, concluíu o alcalde de Ferrol.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar