sábado, 23 de novembro de 2024
O alcalde e o bispo da Diócese de Mondoñedo-Ferrol inauguran o rastrillo benéfico de Manos Unidas
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e o bispo da Diócese de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, inuguraron esta mañá o rastrillo benéfico de Manos Unidas, que este ano está instalado no número 48 da rúa Magdalena. “Quero felicitar a todo o equipo de Manos Unidas, quen ano tras ano fai posible a realización deste rastrillo benéfico”, manifestou o rexedor.
Rey Varela gabou a dedicación e esforzo que realizan dende esta ONG, “sei que detrás deste rastrillo hai un gran esforzo, moitas horas de traballo e xestión, coordinar a doazón de agasallos por parte de negocios e particulares non é tarefa doada”. E sinalou que “cada agasallo que compramos non só trae alegría a quen o recibe, senón que tamén contribúe aos diferentes proxectos humanitarios nos que traballa Manos Unidas”.
O alcalde destacou tamén a solidariedade e xenerosidade dos ferroláns, “sempre están dispostos a axudar e colaborar coas persoas e colectivos que máis o necesitan en cada momento”. E apuntou que “esta actitude é o que fai de Ferrol unha cidade especial, unha comunidade que se une ao redor de causas xustas e que non permanece indiferente ante o sufrimento alleo, vimos hai pouco as campañas de recollida realizadas para as familias afectadas pola dana e estamos desbordados con tanta solidaridade”.
Para finalizar Rey Varela invitou á cidadanía a visitar este rastrillo, que estará aberto ata o medidados do próximo mes de decembro en horario de 11:00 a 13:30 horas e 17:00 a 20:00 horas.