venres, 22 de novembro de 2024
A exposición ‘Promoción de actuacións financiadas cos Fondos Europeos’ chega á praza de Armas
O tenente alcalde de Ferrol, Javier Díaz, inaugurou esta mañá, xunto ao director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Luis Tarrío Tobar, a exposición itinerante Promoción de actuacións financiadas cos fondos europeos, promovida pola Xunta de Galicia e que estará dispoñible ao público na praza de Armas ata o xoves 28 de novembro.
A mostra está composta por 16 paneis que explican o desenvolvemento que Galicia experimentou nos últimos 35 anos grazas ás achegas económicas europeas, que superan os 32 millóns de euros. Díaz fixo fincapé na importancia destas axudas, motivo polo cal o Concello vén de poñer en marcha o pasado mes de outubro a oficina de Edusi “coa que pretendemos captar fondos europeos que nos axuden a cofinanciar importantes proxectos que melloren a calidade de vida dos ferroláns”.