xoves, 21 de novembro de 2024
Javier Díaz visita ao alumnado do obradoiro dual de emprego O Montón
O grupo está a traballar na recuperación e posta en valor de dito terreo municipal
O tenente alcalde, Javier Díaz, realizou unha visita esta mañá ao alumnado do obradoiro dual de emprego O Montón, que están a recuperar e poñer en valor dito terreo municipal.
Este programa estase a desenvolver grazas a unha subvención da Xunta de Galicia pola que o Concello recibe preto de 550.000 euros para a execución do mesmo, aportando a Administración local outros 38.000 euros.
A formación conta con dúas especialidades formativas na rama forestal: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. Cada unha delas supera as 1.800 horas formativas entre teoría, práctica e formación complementaria.
Os 20 alumnos que están a participar teñen un contrato para a formación e alternancia, cobrando o salario mínino interprofesional e están a realizar traballos de limpeza e recuperación da parcela municipal a carón do club de Suboficiais e de tala na parcela que estaba plantada con eucaliptos. Así mesmo, fan traballos de repoboación e aproveitamento forestal e de preparación de camiños, entre outros.
Javier Díaz agradeceu ao equipo de dirección e docente que está á fronte deste grupo formativo, e felicitou ao alumnado polo traballo realizado. Así mesmo, convidou á cidadanía a coñecer este espazo renovado, que servirá como espazo de recreo para os ferroláns.