xoves, 21 de novembro de 2024
O encontro interxeneracional de corais de persoas maiores celebrarase o día 11 de decembro
A actuación realizarase no teatro Jofre e o día 14 no local da AVV de Santa Icía haberá un encontro de diferentes corais
A concelleira de Política Social e Inclusión, Rosa Martínez, presentou hoxe en comisión o encontro interxeneracional de corais de persoas maiores que se celebrará o próximo día 11 no teatro Jofre e ao que se sumará outro encontro de corais o día 14 no local da AVV de Santa Icía. É unha actividade coa que os maiores darán a benvida ao Nadal. “Trátase dunha actividade que incluimos dentro do programa de envellecemento saudable dirixido aos maiores, co obxectivo de cultivar e fortalecer a actitude positiva ante a vida, fomentar a diversión e promover un envellecemento activo”, afirmou a concelleira.
A través deste encontro preténdese que os maiores disfruten xuntos e por unhas horas dun tempo de música. “Seguimos promovendo actividades de participación social entre os maiores para que se manteñan activos e evitar a soidade non desexada”.
O peque coro do Conservatorio Xan Viaño, a coral Dicendo cantares do Club Naval O Montón de Ferrol, a coral Alecrín de Brión, a coral Airiños de Caranza e o coro da Universidade Sénior de Ferrol actuarán tanto no teatro Jofre, o día 11 ás 19 horas. E o día 14 no local da AVV de Santa Icía, a partir das 18 horas, actuarán a coral Airiños de Caranza, a coral Ekos de Chamorro e a rondalla Sonidos del Alba. A entrada en ambas actuacións é de balde ata completar o aforo.