xoves, 21 de novembro de 2024
O tenente de alcalde participa na inauguración da xornada «Ferrol, motor de proxectos transformadores con impacto»
“Ferrol é unha cidade cun importante motor de proxectos transformadores, que son fundamentais para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas e para xerar novas oportunidades de emprego”, afirmou Díaz Mosquera
O tenente alcalde de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, participou esta mañá na inauguración da xornada Ferrol, motor de proxectos transformadores con impacto, promovida por Ferrol Impacto. A través desta xornada na que participaron representantes da APFSC, Universidade da Coruña, Navantia, Armada e COFER, e de entidades sociais como ONCE, Cáritas, Cocina Económica e Cruz Vermella, entre outros, expuxeron os seus proxectos e iniciativas que están a levar a cabo para traballar nesta liña. “Ferrol é unha cidade cun importante motor de proxectos transformadores con impacto en diferentes campos tanto no social como no económico, e estes proxectos son fundamentais para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas e para xerar novas oportunidades de emprego”, asegurou o tenente alcalde.
“É un feito que hoxe Ferrol goza da taxa de paro máis baixa das sete grandes cidades de Galicia, un 6%, comparando con outras cidades, como A Coruña, Lugo ou Vigo”, afirmou, “este logro é un claro indicador do noso compromiso e esforzo conxunto”. E isto non é casualidade, senón que é o resultado do traballo colaborativo entre as administracións, as institucións e o tecido empresarial. “Todos, administracións, Porto, Navantia, Armada, Universidade e empresarios, estamos movéndonos na mesma dirección: a senda da creación de emprego”.
Díaz Mosquera fixo un repaso dos proxectos máis importantes nos que está a traballar o concello como Abrir Ferrol ao mar, Cidade do deporte, Sánchez Aguilera e a Axenda Urbana 2030, entre outros. “Todos estes proxectos, nos que o Concello de Ferrol conta coa colaboración inestimable doutras administracións e institucións, sen dúbida algunha aportarán e crearán valor social e económico para favorecer o desenvolvemento de Ferrol e comarca”, concluiu, o tenente alcalde de Ferrol.