Novas

martes, 19 de novembro de 2024

A xornada Ferrol 5G achega as saídas laborais aos mozos da cidade

`Esta xornada nace como resposta a estas necesidades, como unha plataforma que busca conectar á nosa xuventude coas posibilidades que ofrece Ferrol”, afirmou o concelleiro de Xuventude. Haberá dous bloques temáticos: moda e sector naval


A xornada Ferrol 5G achega as saídas laborais aos mozos da cidade

O concelleiro de Xuventude, Arán López, presentou esta mañá a Xornada Ferrol 5G, que se celebrará o día 29 no Centro Cultural Torrente Ballester a partir das 19 horas. A través desta xornada a concellería de Xuventude pretende achegar as principais empresas aos mozos da cidade co fin de que poidan coñecer os nichos de emprego e as demandas laborais. “Dende a concellería de Xuventude levamos tempo escoitando as necesidades, inquedanzas e desafíos que afronta a mocidade de Ferrol, somos coñecedores do seu talento e tamén das dificultades que teñen para acceder ás oportunidades ou para sentirse conectados co tecido social da cidade”, avanzou o edil.

Neste contexto, presentáse Ferrol 5G. “Esta xornada nace como resposta a estas necesidades, como unha plataforma que busca conectar á nosa xuventude coas posibilidades que ofrece Ferrol”, afirmou. Ademais, fomentará o diálogo, a participación activa e, sobre todo, axudará a construír un futuro en Ferrol. “Este é un espazo creado para escoitarvos e informarvos e, por suposto, para inspirarvos”, asegurou.

Esta actividade busca achegar a diferentes axentes clave da cidade, como Navantia, Armada, Universidade da Coruña e empresas, á mocidade, utilizando formatos modernos, innovadores e atractivos. “Queremos demostrar que Ferrol é un lugar cheo de oportunidades e que, coa vosa participación, pode ser aínda mellor”, afirmou o concelleiro.

Dende o departamento de Transformación Dixital de Navantia, o seu responsable Antonio Grandal, agradeceu a invitación do Concello de Ferrol nesta iniciativa que “permitiranos dar a coñecer aos mozos o que facemos no estaleiro”. Estamos nun momento moi bo, afirmou Grandal, xa que estamos construindo unhas das fragatas coa tecnoloxía máis innovadora do mundo. Ademais, da importante carga de traballo no ámbito da eólica marina e do proceso de modernización do estaleiro para ser máis eficientes e competitivos no mercado global. Por iso, “precisamos aos máis novos para poder cubrir as prazas que demandamos, de aí a importancia de colaborar con Ferrol 5 G”.

Pola súa parte, a vicerrectora do Campus, Ana Isabel Pernas, agradeceu tamén á concellería de Xuventude esta xornada que “permitirá que amosemos aos rapaces e á sociedade as nosas titulacións e traballos no eido da investigación que estamos a facer no campus e que se animen, así, a formarse aquí”.

MODA E SECTOR NAVAL

Ferrol 5G contempla dous bloques temáticos, que abordan sectores con gran potencial e saída laboral na nosa cidade. Por unha banda, o bloque de moda, que contará coa participación do grao en xestión industrial da moda e que busca destacar as posibilidades deste sector na nosa cidade, tanto desde a formación como desde o emprendemento. E pola outra, o bloque dedicado ao sector naval, unha referencia na nosa cidade grazas á Armada e a Navantia, que “seguen a ser motores fundamentais de emprego e innovación”, apuntou o concelleiro.

Ambos bloques contarán coa colaboración activa da Universidade da Coruña, unha institución clave na formación e preparación da mocidade para responder ás demandas do mercado laboral.

O encargado de presentar esta xornada será o humorista Rafa Durán, que realizará tamén entrevistas. Ademais, ao longo do evento haberá música e contarase cun espazo de networking. “Ferrol 5G non é só unha actividade, é unha chamada a que a xuventude se faga escoitar, participe e aproveite as ferramentas e recursos dispoñibles para o seu desenvolvemento persoal e colectivo”, manifestou o concelleiro.

Para finalizar, o edil de Xuventude agradeceu á Universidade da Coruña, Navantia e á Armada por participar nesta xornada de Ferrol 5G.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar