Novas

luns, 18 de novembro de 2024

Máis de 385.000 euros para melloras de aglomerado en cinco camiños e estradas do rural

Trátase actuacións consensuadas coas entidades veciñais e executaranse ao amparo do POS+Adicional 2022 e do POS+ 2023


O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, detallou tras a Xunta de Goberno local as cinco obras de mellora do aglomerado que por un importe de máis de 385.000 euros vanse levar a cabo no rural. “Trátase de importantes actuacións en camiños e estradas moi transitadas polos veciños e que precisan melloras no aglomerado, e levaranse a cabo a través de varios POS”, afirmou Rey Varela, quen recordou, ademais, que “estas actuacións foron consensuadas coas entidades veciñais dando prioridade a estes camiños e estrada e sendo conscientes de que quedan aínda máis melloras pendentes”.

Así Xunta de Goberno local aprobou a adxudicación as melloras no aglomerado da estrada de Lodeiro-Papoi (POS+ 2023) á empresa Canarga SL na cantidade total de 122.630 euros, a cantidade máis elevada das actuacións previstas nas cinco vías. O prazo de execución é de 13 semanas, dende o día seguinte á sinatura da acta de comprobación do reformulo da obra.

A seguinte actuación con máis inversión é o aglomerado de tramo na estrada de Ferrol-Doniños-San Xurxo (Estrada do Vilar) (POS+2023), que foi adxudicada á empresa Canarga SL por 85.445 euros. O prazo de execución do contrato é de tres meses.

Tamén a través do POS+2023 (achega provincial 2022) levarase a cabo o aglomerado de tramos na estrada de San Cristóbal-Cariño-Confurco, tras a adxudicación á empresa Canarga SL pola cantidade de 83.639 euros. O prazo de execución do contrato é dun mes. E as últimas dúas actuacións previstas e que tamén foron adxudicadas á empresa Canarga SL son a mellora do firme e varios camiños sitos no Lugar de Raxón, en Covas, incluído no Plan Único de Obras e Servizos POS+2023 (achega provincial 2023) por 78.345 euros e o aglomerado da estrada de Lago (Doniños) incluída no Plan Único de Obras e Servizos POS+Adicional 2/2022 na cantidade de 73.939 euros. En ambas obras, o prazo de execución é dun mes.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar