venres, 15 de novembro de 2024
O alcalde de Ferrol inaugura o XXXIV Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol
Dezanove pianistas danse cita neste certame, cuxo gañador coñeceremos o próximo 22 de novembro
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, inaugurou o XXXIV Concurso internacional de piano Cidade de Ferrol, que arrancou esta tarde cun concerto a cargo do pianista Domenico Codispoti e da soprano Anna María Sarra.
O rexedor deu a benvida á cidade aos 19 participantes no certame -que representan a un total de 14 países- e desexoulles unha grata estadía, na que “atoparán un pobo que ama a cultura e a música dun xeito especial”.
Este concurso de piano “converte Ferrol na capital do piano e os seus 34 anos de historia amosan a relevancia e fondas raíces que ten e que seguiremos a coidar durante moitos anos máis”.
Rey Varela desexou sorte a todos os virtuosos que tocarán diferentes pezas durante os vindeiros días, asegurando que “saberán transmitir con paixón e mestría as interpretacións escollidas”. Ademais, agradeceu ao xurado a súa colaboración para determinar o gañador ou gañadora desta edición, tarefa que “non será doada”.
Os pianistas deberán enfrontarse a unha primeira proba consistirá en tocar unha peza de tema libre sen partitura durante 30 minutos e, aqueles que cheguen á segunda, deberán tocar durante 50 minutos unha peza de música española. Ditas probas celebraranse desde mañá e ata o día 21 a partir das 17:00 horas no Auditorio de Ferrol, con entrada libre. O concerto final terá lugar no mesmo escenario o día 22, e a entrada terá un custo de cinco euros.