Novas

xoves, 14 de novembro de 2024

‘Querémonos libres, querémonos vivas’, lema para conmemorar o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller

Cine, microteatro e a V Carreira contra a Violencia Machista, algunas das actividades para o 25N


‘Querémonos libres, querémonos vivas’, lema para conmemorar o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller

A concelleira de Muller e Igualdade, Elvira Miramontes, deu conta na comisión da área das actividades previstas con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra o próximo 25 de novembro.

A campaña de actividades preséntase baixo o lema Querémonos libres, Querémonos vivas, consensuado no Consello da Muller. A primeira delas é a proxección da curtametraxe Carraxe de Muriel Pernas e protagonizada pola actriz Mabel Rivera. Ambas estarán o día 23 ás 18:30 horas no local da AVV de Esmelle, onde se poderá ver a curta con coloquio posterior. Haberá un autobús de balde con saída ás 17:30 horas do local veciñal de Pazos e con paradas nos locais sociais de A Cabana, Valón, Doniños e Covas.

Nesta xornada, haberá tamén 10 actuacións de microteatros contra a violencia nas mulleres cunha duración de 15 minutos cada espectáculo no centro da cidade. A información estará dispoñible na páxina web do Concello.

Así mesmo, instalarase o punto violeta en Parque Ferrol, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

O domingo 24 está prevista ás 11:00 horas a saída dende o Cantón de Molíns da Marcha Ciclista contra a Violencia de Xénero e, 10 minutos máis tarde, a V Carreira contra a Violencia de Xénero (inscricións en Carreiras Galegas).

O luns realizarase a lectura da declaración institucional, así como a plantación de rosas en homenaxe ás mulleres vítimas de asasinatos machistas, un acto que terá lugar no Cantón de Molíns.

Está previsto que nos centros educativos da cidade do 25 ao 29 de novembro se impartan pílulas formativas contra a violencia de xénero. A día de hoxe inscribíronse xa cinco centros. “O obxectivo é previr a violencia de xénero a través das redes sociais e a realidade da pornografía”, detallou a concelleira.

O martes 26 ás 19:30 horas presentarase no teatro Jofre a curtametraxe Eu vou contigo, coa participación da súa directora Chelo Loureiro, acto que finalizará cunha actuación de danza contemporánea a cargo da Asociación Cultural Mundo Danza de Jesús Quiroga.

A curtametraxe proxectarase tamén no auditorio de Ferrol o día 28 para o alumnado de centros educativos da cidade.

E para rematar, do 2 ao 16 de decembro, na peceira do Vicerrectorado, levarase a cabo a proxección do documental Chicas nuevas 24h da directora de cine Mabel Lozano, que dedicou os últimos anos á denuncia de trata de mulleres con fins sexuais desde o cine. Esta actividade, ofertada pola Dirección Xeral de Loita Contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, inclúe tamén unha exposición baseada no documental, interactiva e participativa, que denuncia o rendible “negocio” que xera a compra e venda de mulleres e nenas para a súa explotación sexual.

Ademais, levarase a campaña do 25N a encontros deportivos do Club Universitario de baloncesto Baxi, do Club Valdetires FSF Ferrol, do Basketmi Bsr Ferrol,do Parrulo Fútbol Sala e do Racing Club de Ferrol.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar