venres, 15 de novembro de 2024
O alcalde de Ferrol visita o novo boulder do rocódromo municipal
O Concello investiu preto de 11.000 euros nesta instalación, deseñada para practicar travesía en parede sen cordas
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá o rocódromo municipal do estadio de A Malata no que a zona boulder foi recentemente renovada.
O rexedor estivo acompañado por directivos do Club de Montaña Ferrol cos que comprobou de primeira man o resultado da intervención, que consistiu no deseño, cálculo, fabricación e montaxe de dita zona boulder para travesía en parede sen cordas.
Durante as tarefas de revisión e mantemento detectáronse folguras nos taboleiros polo que foi precisa dita intervención para garantir a seguridade dos usuarios.
Este muro renovado conta con estrutura metálica, paneles de madeira e presenta unha inclinación de 12 graos. A altura total do panel é de 4,2 metros cun ancho de 7,5 metros, o que supón unha superficie escalable de 31 metros cadrados. Na parte inferior, dispuxéronse colchonetas para a protección de caídas cunha superficie de 22 metros cadrados.
O Concello de Ferrol investiu preto de 11.000 euros nesta actuación que redundará no beneficio de particulares e clubes que fan uso destas instalacións deportivas.