Novas

venres, 15 de novembro de 2024

O proxecto Nós Mariñeir@s crea unha mascota infantil para a Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol

O percebe Percebal protagoniza un libro de colorear no que se contan as súas aventuras viaxando pola ría de Ferrol


O proxecto Nós Mariñeir@s crea unha mascota infantil para a Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol

Percebal (Perci) é o nome da nova mascota infantil da Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol e o protagonista dun libro de colorear que conta as aventuras deste percebe na súa viaxe pola ría de Ferrol desde as rochas das illas Gabeiras, onde vive coa súa familia.

A creación deste personaxe obedece á idea de utilizalo como complemento ás visitas escolares que se realizan ao pósito e en calquera outra actividade que organicen na confraría relacionada co público infantil.

O deseño da mascota e o libro de colorear fixéronse a través do proxecto Nós Mariñeir@s, unha iniciativa do Concello de Ferrol para poñer en valor a cultura mariñeira que se financia cunha subvención da Consellería do Mar, tramitada a través do GALP Golfo Ártabro Norte. No proxecto está implicada a propia confraría -que xa participou na primera actividade, “Un día no Ferrol mariñeiro”, celebrada o pasado sábado- xunto coa asociación de veciños de Ferrol Vello, a asociación de hostaleiros Férvello, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e a Escola Náutico Pesqueira.

A elección dun percebe como mascota foi tomada pola confraría despois de valorar outras opcións de entre as especies que se capturan nas súas zonas de extracción. A partir de agora Perci será un personaxe próximo para os nenos e nenas, que poderán ler o conto e colorear as súas páxinas cando visiten a lonxa. Para reservar unha visita escolar hai que chamar ao número de teléfono 981 352 625.

Por outra banda, dentro de Nós Mariñeir@s elaboráronse tamén novos folletos para a confraría nos que se recollen os servizos que prestan, as especies que capturan, as instalacións con que contan no porto de Ferrol e as principais actividades que organizan. É unha maneira de contribuír a promocionar o traballo do pósito e especialmente a tenda da lonxa, na que se venden directamente produtos capturados na zona e que reabrirá as súas portas a semana que vén, despois dunhas obras de mellora.



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar