Novas

xoves, 14 de novembro de 2024

O Concello de Ferrol abre mañá o prazo para os campamentos de Nadal

As actividades realizaranse os días 23, 26, 27 e 30 de decembro e os días 2 e 3 de xaneiro. Ofértanse 70 prazas para a zona urbana e 30 para o rural. As solicitudes poderán formalizarse ata o 2 de decembro


A concelleira de Muller e Igualdade, Elvira Miramontes, presentou hoxe unha nova edición dos campamentos urbanos e rurais do Nadal 2024/2025, cuxo período de inscrición comeza mañá. “Os campamentos de Nadal, ao igual que os de verán, facilitan a conciliación da vida familiar e laboral e fomentan un cambio de mentalidade e de valores dacordo co principio de igualdade entre homes e mulleres”, sinalou.

Este ano celebraranse os días 23, 26, 27 e 30 de decembro de 2024 e os días 2 e 3 de xaneiro de 2025. Ofértanse 70 prazas para os campamentos na zona urbana, que se realizarán na ludoteca da praza de España e no CEIP de Ponzos, e 30 prazas para a zona rural que se celebrará no local da AVV de Esmelle.

O servizo prestarase de luns a venres, agás festivos, en horario ordinario de 09:30 a 13:30 horas e en horario ampliado de 08:30 a 14:30 horas.

Miramontes recordou que este programa “está dirixido a menores con idades comprendidas entre os 3 e os 13 anos”, matizando que “deben ter os 3 anos cumpridos o 23 de decembro de 2024 e non cumprir os 14 anos antes do 4 de xaneiro de 2025”.

O requisito imprescindible é que o/a menor estea empradoado no Concello de Ferrol, agás os/as menores derivados da Casa de Acollida Municipal. As solicitudes seguirán unha rigorosa orde de inscrición de acordo cos criterios de preferencia de familia monoparental empregado/a ou realizando un curso de formación ocupacional/formación para o emprego, homologado polo Servizo Público de Emprego; muller vítima de violencia de xénero; dous proxenitores ou titores/as legais empregados/as ou realizando un curso de formación ocupacional/formación para o emprego, homologado polo servizo público de emprego e o cuarto suposto que un/unha proxenitor/a ou titor/a legal empregado/a ou realizando un curso de formación ocupacional/formación para o emprego, homologado polo servizo público de emprego.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 09:00 a 14:00 horas, ou en calquera dos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro do procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo de inscrición finaliza o 2 de decembro.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar