martes, 12 de novembro de 2024
Ferrol acollerá por segunda vez os premios Paraugas do Clúster da Comunicación de Galicia
Estes galardóns, que poñen en valor a calidade do traballo feito por empresas da industria, chegan á súa IX edición
O alcalde de Ferrol participou esta mañá na presentación da IX edición dos Premios Paraugas, que se celebrarán por segunda vez na cidade. O evento, organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia, celebrarase o venres 22 de novembro no teatro Jofre.
Estes galardóns son un referente no mundo da comunicación e do márketing en Galicia e poñen en valor a calidade do traballo feito desde a comunidade, ao tempo que enxalzan a función da creatividade, do deseño, da impresión, do márketing, da comunicación e dos eventos como medio para aumentar a competitividade e a capacidade de innovación. Precisamente, esas serán as seis categorías que compoñen o certame (con varios premios cada unha), se ben tamén se outorgará o Paraugas de Ouro, o Premio Novos Talentos e, como novidade este ano, créase o Premio do Público. En total, outorgarnse 18 premios, para os que o xurado terá en conta o grao de orixinalidade, os resultados obtidos, a orixinalidade do caso e as boas prácticas.
“Ferrol volverá ser capital da industria da comunicación e do márketing e punto de encontro das mellores empresas do sector” afirmou o alcalde, quen calificou estes premios como unha alianza entre Ferrol e o Clúster “preparada para durar moito tempo”. Así mesmo, apuntou que “traballamos por devolver a cidade ao lugar que merece en todos os sectores, somos unha cidade con moito que ofrecer e as organizacións de xornadas, congresos ou premios coma este están a apostar por Ferrol”. Por segunda vez, os Premios Paraugas serán “un magnífico escaparate” para a cidade e o alcalde invitou a todos aqueles profesionais que a visitenco gallo desta cita a que coñezan o seu patriminio natural, industrial e cultural.
Xunto ao presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, e á delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, na presentación tamén participou o presidente do Clúster, Alberto Garnil, quen destacou o elevado número de candidaturas recibidas (nesta edición chegaron ás 250). Así mesmo, mencionou que a campaña Vente arriba Ferrol para o Concello de Ferrol é finalista a mellor idea na categoría de creatividade.
Garnil informou de que as votacións permanecerán abertas ata este venres, 15 de novembro, na páxina web dos Premios Paraugas.