martes, 12 de novembro de 2024
O barrio de Canido contará cun novo parque canino na rúa Manuel Arias
O actual parque ubicado na rúa Poeta Pérez Parallé con Coruña será trasladado a esta nova ubicación
A concelleira de Benestar Animal, Maica García, informou hoxe en comisión do traslado do actual parque canino de Canido ubicado na rúa Poeta Pérez Parallé coa rúa Coruña a unha parcela de 1.177 metros cadrados na rúa Manuel Arias, dando cumprimento a unha demanda veciñal. “Somos conscientes da necesidade de crear espazos adaptados para que os veciños poidan acudir a pasear as súas mascotas, por iso en Canido ofrecemos un espazo máis amplo e axeitado ás demandas trasladadas”.
Así o proxecto contempla un espazo verde valado de maiores dimensións ao existente na zona para que os cans poidan pasear libremente, sempre vixiados polos seus guías. Polo tanto, procederase a desmontar o parque canino que hai na rúa Poeta Pérez Parallé con Coruña, retirarase o peche perimetral pero manterase o mobiliario urbano (bancos, papeleiras e fonte).
Posteriormente procederase á execución do novo parque na parcela seleccionada na rúa Manuel Arias, que está actualmente en desuso. As actuacións previstas contemplan o peche de parcela e acceso, instalación de dúas papeleiras, unha fonte de uso para persoas e cans, dous bancos e un cartel informativo para dar servizos aos usuarios do parque, así como máis puntos de luz. Tamén se instalarán unha serie de elementos de equipamento deportivo para o adestramento dos cans conforme á Federación Canina Internacional.
Estas actuacións teñen un orzamento de licitación de 26.000 euros e nas próximas semanas resolverase o contrato de adxudicación.