martes, 12 de novembro de 2024
A Mancomunidade obtén unha subvención de máis de 417.000 euros para o servizo de atención temperá
A Xunta de Galicia concedeu esta axuda que permitirá a contratación de tres novos profesionais durante dous anos
O presidente da Mancomunidadede Concellos da Comarca de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiu esta tarde o pleno ordinario deste organismo supramunicipal. Entre outros asuntos, deuse luz verde ao inicio do expediente para a convocatoria dun concerto social para a prestación do servizo de atención temperá. “Dende a Mancomunidade queremos impulsar a unidade de atención temperá e aumentar o servizo adaptándonos ás necesidades locais”, afirmou Rey Varela. Ademais, recordou que “a Mancomunidade presta de forma ininterrompida dende o ano 2019 este servizo integrado na Rede Galega de Atención Temperá”.
Rey Varela adiantou que a Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia vén de conceder unha subvención á Mancomunidade para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá de 2024 a 2026 por un importe total de 417.274,58 euros. “Grazas a esta axuda poderase reforzar o servizo coa contratación de dous novos profesionais, un psicólogo e un logopeda, así haberá dous psicólogos e dúas logopedas, e ademais sumarase un técnico de grupo II, que non había”.
O servizo de atención temperá ofrece: unha atención personalizada e integral, unha continuidade e regularidade na atención ao longo do ciclo vital do usuario, permite o arraigo da persoa no contorno de atención social e garante que a atención que se preste ás persoas usuarias dos concertos sociais se realice en igualdade con aquelas que son atendidas de forma directa pola Administración.
Nos municipios que integran a Mancomunidade (Ferrol, Narón, Fene, Mugardos, Ares, Valdoviño, Cedeira e Cabanas) a poboación infantil (0-6 anos) é superior aos 6.000 nenos e nenas. No ano 2023 foron atendidos un total de 119 usuarios, se ben cabe matizar que nese ano tomouse a decisión de dar prioridade a aqueles casos con maior afectación no seu desenvolvemento, polo que se incrementou o seu número de sesións semanais, motivo polo cal non se atenderon tantos casos no cómputo global coma en anos anteriores. De feito, a 31 de decembro do 2023 figuran na lista de agarda de acceso ao servizo 22 menores.
A duración inicial do concerto social asignado ao abeiro desta convocatoria é de dous anos e poderase renovar ata acadar un máximo de 10 anos.