luns, 11 de novembro de 2024
A XGL aproba as bases do Premio Solidario 2024
Outorgaranse ata 10.000 euros a través de dúas categorías: voluntariado e cooperación internacional
A Xunta de Goberno local aprobou esta mañá as bases do Premio Solidario 2024, un recoñecemento que ten como obxectivo premiar os esforzos de iniciativas e proxectos desenvolvidos no ámbito da solidariedade, a cooperación e o voluntariado.
En virtude das bases estableceranse dúas categorías para o premio. A primeira, terá unha dotación de 6.000 euros e con ela premiarase a posta en marcha, ampliación ou continuación de proxectos solidarios e no eido do voluntariado que se desenvolvan en Ferrol. A segunda, con 4.000 euros, premiará aqueles proxectos realizados no eido da cooperación internacional e dentro do ámbito da protección dos dereitos sociais básicos e das persoas máis vulnerables.
Poderán presentarse entidades sociais ou persoas físicas. As primeiras deberán estar legalmente constituídas e rexistradas no Rexistro Municipal de Entidades Cidadáns do Concello, non ter carácter lucrativo e estar ao día nas obrigas tributarias coa Seguridade Social, entre outros aspectos. Con respecto ás persoas físicas, estas deberán ser maiores de 18 anos e estar empadroadas no Concello de Ferrol, entre outros requisitos. Cada entidade ou persoa física poderá presentar ata un total de dous proxectos para a mesma ou distinta categoría, e valoraranse de xeito individual e independente cada un deles.
O Premio Solidario outorgarase en virtude do fallo que realice o xurado, que estará formado polo alcalde-presidente ou persoa en quen delegue, un técnico de Benestar Social, unha persoa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, tres persoas designadas pola concellería de Política Social e Inclusión, un membro de cada grupo político con representación municipal, un membro das entidades gañadoras do Premio Solidario do ano anterior e un funcionario de Política Social e Inclusión que exercerá como secretario.
CRITERIOS DE VALORACIÓN
O xurado puntuará os proxectos cun máximo de 10 puntos en virtude de diferentes aspectos, como o interese xeral e específico do proxecto, o carácter innovador, a formulación formal, que favoreza a participación directa dos beneficiarios no proxecto, que promova a igualdade de xénero, o respecto ao medio ambiente, a relevancia da iniciativa para colectivos con dificultades específicas ou a sostibilidade económica do proxecto.
Estas bases serán publicadas en vindeiras datas no Boletín Oficial da Provincia, momento a partir do cal abrirase un prazo de presentación de candidaturas de 15 días hábiles.