luns, 11 de novembro de 2024
O Concello destinará máis de 120.000 euros á subministración de uniformes para a Policía Local
‘Os corpos de seguridade da cidade deben contar con medios necesarios para facer fronte diariamente ao seu traballo’, sinalou o alcalde
A Xunta de Goberno local aprobou adxudicar a subministración do vestiario para a policía local á empresa Sagres SL por un importe de 120.000 euros (IVE engadido) e dous anos de duración inicial.
“Os corpos de seguridade da cidade deben contar con medios necesarios para facer fronte diariamente ao seu traballo, e neste caso trátase de novos uniformes para a policía local”, avanzou o rexedor.
A adxudicataria ofertou un 0,1% de baixa sobre os prezos unitarios que se aplicará a todos e cada un dos prezos dos artigos recollidos no prego; un incremento do prazo de garantía de 24 meses por riba do mínimo establecido no prego (dous anos), o que supón un prazo de garantía de catro anos; sete días de redución dos prazos de entrega dos artigos, así como un servizo de recollida e destrución do vestiario antigo, que se realizará por unha empresa acreditada.
MÁQUINA MULTIPROPÓSITO
Outro dos puntos na orde do día da XGL foi a adxudicación da subministración dunha máquina multipropósito para o cemiterio municipal de Catabois á empresa Torneiro Maquicoruña, S.A.U. polo importe de 77.440 euros (IVE incluído) e cun incremento do prazo de garantía por riba do mínimo (dous anos) dun ano, o que supón un prazo de garantía de tres anos. O prazo de entrega da unidade será de seis meses contados a partir do día seguinte á formalización do contrato.