Novas

luns, 11 de novembro de 2024

A cabalgata dos Reis Magos repartirá 3.000 quilos de caramelos sen glute e para diabéticos

‘Comeza a conta atrás para o nadal e se hai unha cita moi especial é, sen dúbida, a cabalgata de Reis, Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán, como sempre, aos nenos de Ferrol’, asegurou o rexedor, José Manuel Rey Varela


A cabalgata dos Reis Magos repartirá 3.000 quilos de caramelos sen glute e para diabéticos

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, confirmou que a Xunta de Goberno local aprobou adxudicar o servizo de produción e execución das cabalgatas de Reis Magos urbana e rural 2025 e 2026 á empresa Servicios Deportivos Galicia SL por un importe total de 150.934,55 euros/ano (IVE incluído). “Comeza a conta atrás para o nadal e se hai unha cita moi especial é, sen dúbida, a cabalgata de Reis, Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán, como sempre, aos nenos de Ferrol”, garantiu o rexedor.

A adxudicataria presentou como melloras o incremento de 2.500 quilos de caramelos sen glute e para diabéticos sobre o mínimo esixido no prego de 500 quilos, o que supón que se repartirán 3.000 quilos de caramelos durante o desfile. Así mesmo, incrementa nun máis o número de grupos de animación sobre o mínimo (nove grupos), polo que serán 10 grupos de animación e tamén superará o mínimo de carrozas, establecido en oito, xa que haberá nove.

Os Reis Magos visitarán os días 3 e 4 de xaneiro de 2025 e 2026 aos nenos do rural e comitiva urbana está prevista, como sempre, para un día despois, o día 5 polas rúas da cidade.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar