Novas

luns, 11 de novembro de 2024

O proxecto de recuperación e conservación do castelo de San Felipe recolle actuacións por máis dun millón de euros

Os traballos contemplan a creación dunha cafetería con terraza con vistas á ría de Ferrol


O proxecto de recuperación e conservación do castelo de San Felipe recolle actuacións por máis dun millón de euros

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, amosou a súa satisfacción por poder executar, tras os trámites que agora se iniciarán, as adecuadas solucións arquitectónicas e construtivas para a intervención na batería alta e a denominada Casa do Comandante (tamén referida como Casa do Gobernador) do castelo de San Felipe. Así a XGL aprobou hoxe o Proxecto básico e de execución refundido de actuacións no castelo de de San Felipe (actualización novembro 2024).

Tivemos que actualizar o proxecto, que viña do anterior mandato, e xa contamos tamén con todas as autorizacións necesarias para poder licitar estas melloras”, revelou Rey Varela. O pasado mes de outubro recibimos os informes favorables de Patrimonio e de Medio Ambiente.

Queremos que máis visitantes coñezan a nosa cidade, o noso patrimonio cultural, gastronómico e arquitectónico onde o castelo de San Felipe é unha auténtica xoia”, afirma. Ademais, forma parte do proxecto da candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade.

Poremos en valor o castelo de San Felipe e a batería alta, recuperándoos e exaltando a súa beleza e valor patrimonial para que sigan sendo un reclamo turístico máis”, engadiu o rexedor. Neste senso hai tres actuacións previstas, según detalla o proxecto. A actuación 1, relativa á conservación e mantemento da Batería Alta do s. XVI, contempla limpar e reparar os muros, pavimento e xardín. A maiores, como proposta do equipo redactor, exponse tamén limpar e recuperar o solado granítico no interior da batería, así como completar unha zona de acceso con pedra similar, a recuperación dos caños graníticos que conducían a auga á gárgola existente e mellorar a seguridade do espaldón cunha nova varanda.

A actuación 2 é a rehabilitación inicial da Casa do Comandante e a súa contorna. Contempla traballos de consolidación e reparación das estruturas murarias existentes, reconstrución de estrutura horizontal da planta alta dunha das edificacións, así como da escaleira de comunicación coa planta baixa e reconstrución das cubertas desaparecidas respectando os sistemas construtivos orixinais.

Por último, a actuación 3 céntrase na rehabilitación final da Casa do Comandante e a súa contorna e a adecuación para o seu uso como cafetería. Rey Varela recordou que “as persoas que visitan o castelo non poden gozar dun servizo mínimo de restauración de bebidas nin comidas, nin no interior do castelo nin na contorna do núcleo”. A Casa do Comandante encaixa para poder aloxar un local de restauración onde se poida ofrecer un servizo de cafetería e gozar das vistas privilexiadas da ría de Ferrol. Por iso, dotarase dunha cafetería a este espazo e contará cunha terraza exterior, trátase dunha prolongación natural do espazo público central da cafetería, pero a un nivel lixeiramente inferior, evitando barreiras arquitectónicas que cobren notoriedade en si mesmas a favor da integración e o paso natural entre elementos.

As actuacións previstas contan cun orzamento de 1.168.983,86 euros (IVE incluido). O Concello de Ferrol aporta 211.040 euros e 957.943 proceden de Fondos de Transición Xusta. O prazo de execución previsto é de 11 meses. O seguinte paso agora é sacar a licitación as obras de mellora recollidas no proxecto.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar