luns, 11 de novembro de 2024
A redacción do plan especial de protección e rehabilitación de Ferrol Vello deberá estar lista nun ano
A XGL adxudicou á empresa Colectivo CCRS a redacción do documento
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, informou da adxudicación da redacción do plan especial de protección e rehabilitación de Ferrol Vello á empresa Colectivo CCRS, SCP na cantidade de 75.625 euros. “Damos un paso clave para Ferrol Vello, é o barrio de orixe da cidade e estamos traballando na súa recuperación”, afirmou.
Os plans especiais aparecen, xa desde a súa propia orixe lexislativa, como especialmente axeitados para a articulación da protección, conservación e mellora, comprendendo obxectos que van desde a ordenación dos recintos e conxuntos histórico-artísticos ata a mellora do medio urbano. Hai que recordar que o anterior plan especial de Ferrol Vello foi anulado polo Tribunal Supremo en marzo do ano 2022. “Dende o minuto un foi para este Goberno unha prioridade poder sacar adiante este contrato, xa que non ter o plan especial implica a paralización da recuperación do barrio máis antigo de Ferrol”, afirmou.
Neste caso, o plan deberá estar redactado no prazo dun ano, así están establecidas cinco fases: a primeira dous meses para os documentos de inicio; seis meses para os documentos de aprobación inicial; un mes para as alegacións, dous meses para aprobación definitiva e un mes para o documento final.
“Este plan permitiranos tamén promover a mellora da calidade de vida dos veciños e potenciar novos espazos públicos grazas ao pulo que pretendemos dar á rehabilitación e protección do cultural de Ferrol Vello”, declarou o rexedor, José Manuel Rey Varela.