Novas

sábado, 09 de novembro de 2024

O Concello de Ferrol homenaxea a María Tella e José Polo polo seu labor como representantes veciñais

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiu o acto de entrega das distincións, celebrado esta tarde no auditorio do centro cultural Torrente Ballester


O Concello de Ferrol homenaxea a María Tella e José Polo polo seu labor como representantes veciñais

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiu o primeiro acto de homenaxe do Concello de Ferrol a representantes veciñais celebrado esta tarde no auditorio do centro cultural Torrente Ballester, no que foi recoñecido o labor de María José Tella Rico e de José Polo Veiga en representación da zona urbana e da zona rural respectivamente.

A primeira foi presidenta da asociación de veciños San Felipe-San Cristóbal durante catro anos, “un período forzosamente curto, pero suficiente para conseguir melloras moi importantes para o barrio que representou”. Entre os fitos conseguidos durante a presidencia de María José Tella destaca o transporte público para San Felipe ou o arranxo da estrada desde Brión ata San Cristóbal. O alcalde puxo en valor todo o traballo realizado pero fixo fincapé en que “seguro que o máis destacado para ella foi que o barrio se sentise cómodo co seu traballo mentres vía as melloras polas que loitou”, expresou.

O outro homenaxeado, José Polo, tivo unha longa traxectoria como presidente da asociación de veciños O Lago de Doniños así como de presidente da Agrupación de Asociacións de Veciños da Zona Rural. “O conseguido durante anos por el e o seu trato cos veciños faino hoxe merecedor deste recoñecemento”, expresou Rey Varela. Os eixos fundamentais de actuación de Polo foron os desbroces, a vixilancia, o alumeado ou o transporte público.

O alcalde trasladou publicamente a súa felicitación aos homenaxeados e destacou o papel fundamental que xogan as asociacións de veciños na promoción do benestar das persoas. “Representan unha canle a través da que os veciños e veciñas expresan as súas preocupacións e necesidades”, afirmou. Rey Varela amosou a súa vontade de que “entre todos manteñamos vivo o tecido asociativo veciñal, porque eles son moitas veces os ollos onde as administracións non chegamos, e que o fagamos sempre da man de persoas como María José Tella ou José Polo: implicadas e cun obxectivo común que non é outro que o beneficio da cidadanía”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar