venres, 08 de novembro de 2024
Alcalde e conselleira de Vivenda visitan Ferrol Vello no marco do programa Rexurbe
A Xunta de Galicia anunciou que vén de adquirir dous inmobles na rúa San Francisco así como a adxudicación de sendas obras nas rúas Castro e Benito Vicetto
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, acompañou esta mañá á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na súa visita ao barrio de Ferrol Vello.
A Administración autonómica adquiriu dous novos inmobles ao abeiro do programa Rexurbe co obxectivo de poñer a disposición da cidadanía máis vivenda pública. Estas últimas adquisicións localízanse nos números 30 e 32 da rúa San Francisco e forman parte dos 24 inmobles en total que a Xunta posúe no marco deste programa e co que se prevé obter arredor de 50 vivendas de promoción pública. Así mesmo, a conselleira anunciou a adxudicación de sendas obras, en rúa Castro, 22-24 e Benito Vicetto, 17.
Rey Varela afirmou que “o noso gran obxectivo no ámbito do urbanismo é dar facilidades para a construción e a rehabilitación”. Neste sentido, destacou que Ferrol Vello é un dos barrios históricos nos que a rehabilitación toma forma e apuntou que, entre xuño de 2023 e xuño de 2024, o Concello de Ferrol emitiu un total de 177 licenzas de obra maior, o que supón un incremento do 34% con respecto aos 12 meses anteriores a ese período. Ademais de buscar facilidades para a cidadanía, o alcalde saúda a conversión de baixos en vivendas.
O rexedor agradeceu á conselleira a súa visita e o seu compromiso coa cidade, facendo fincapé en que este é un exemplo máis de que “cando as administracións traballan xuntas, saen adiante proxectos que redundan no beneficio dos veciños e veciñas”.