Novas

xoves, 07 de novembro de 2024

A biblioteca de Julia Uceda queda na cidade de Ferrol

`Non hai nada máis bonito que recibir esta biblioteca, grazas a Julia e á súa familia por este acto tan xeneroso´, afirmou o alcalde de Ferrol


A biblioteca de Julia Uceda queda na cidade de Ferrol

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, acompañado do bispo da Diócese de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, e do concelleiro de Cultura, José Ponte Far, revelou que a biblioteca da poetisa Julia Uceda, falecida o pasado mes de xullo, quedará na en Ferrol. “Anunciamos algo importante para a cidade como é apostar pola cultura e nesta iniciativa unímonos o Concello de Ferrol e Diócese de Mondoñedo-Ferrol”. Xuntos- avanzou o rexedor- levaremos a cabo importantes proxectos de recuperación do patrimonio e tamén de conservación do mesmo, no que podemos incluír esta doazón da biblioteca de Uceda.

Rey Varela agredeceu as xestións levadas a cabo polo concelleiro de Cultura para que estes fondos quedaran na cidade. “Non hai nada máis bonito que recibir esta biblioteca, grazas a Julia e á súa familia por este acto tan xeneroso”. E sinalou que “a biblioteca que estamos a acoller non é só un simple conxunto de libros, senón un verdadeiro tesouro que nos permitirá seguir compartindo as palabras e os pensamentos de Julia con futuras xeracións”.

A poeta, premio Nacional de Poesía, tiña na súa casa de Serantes unha gran biblioteca, variada e diversa, propia dunha lectora ávida, desexosa de seguir aprendendo cada día. Rey Varela revelou que lle gustaban os autores clásicos e modernos, e “podemos ver que unha parte importante dos seus fondos estaban adicados á poesía cunha selección de obras do escritor Ramón J. Sender, un dos seus favoritos, e de José Hierro, o seu poeta máis preciado”.

Entre os exemplares atópanse os libros máis antigos e fundamentais para a cultura da humanidade como Epopeya de Gilgamesh, El Mahabarata, a Biblia ou Corán, entre outros, ademais de libros en castelán e en inglés. Tamén libros infantís, de cociña, sobre a música, xeografía, filosofía, política, ciencias sociais, arte, pintura…

O concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, revelou que na casa da poeta “había catro estanterías cheas de libros moi interesantes e importantes e todos non cabían en dependencias municipais”. Por iso, “en vez de fragmentar a biblioteca decidimos buscar a alguén que se fixera cargo de toda ela e non hai ninguén mellor que a Diócese para albergar todos estes fondos”, avanzou. Así compartirán espazo cos libros xa donados á Diócese polo escritor Fernando Bores, íntimo amigo de Julia Uceda e ambos promotores do Premio Esquío de poesía de Ferrol, e tamén haberá un espazo para os libros de medicina do psiquiatra Rafael Palacios, esposo de Julia Uceda, que faleceu hai anos.

Pola súa parte, o obispo da Diócese de Mondoñedo-Ferrol agradeceu este xeneroso xesto da poeta. “A biblioteca de Julia non sairá de Ferrol e porase ao servizo da cidadanía, é unha gran noticia que este legado fique aquí”. García Cadiñanos recordou o importante papel da Igrexa durante séculos na conservación do patrimonio aquitectónico e cultural, poñendo como exemplo a biblioteca que ten na Diocése de Mondoñedo e tamén no seminario da catedral, á que se suma a da Domus Ecclesiae en Ferrol, que albergará todos os fondos doados pola poeta e a súa familia.

Para finalizar, o alcalde de Ferrol afirmou que “Julia estaría moi satisfeita de ver que a súa biblioteca compartirá espazo coa do seu amigo Fernando Bores, e as dúas na cidade que a acolleu durante cinco décadas”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar