Novas

xoves, 07 de novembro de 2024

O Concello de Ferrol renova a colaboración co Banco de Alimentos

A recollida de material e alimentos para os afectados pola dana realizada na Casa Solidaria coa colaboración desta entidade, supera os 20.000 quilos


O Concello de Ferrol renova a colaboración co Banco de Alimentos

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, desprazouse esta mañá á sede do Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial) para asinar un convenio de colaboración coa entidade por importe de 37.000 euros.

O representante da delegación de Balrial en Ferrol, Manuel González, e o rexedor rubricaron o documento que renova a colaboración que o Concello viña prestando e que contribuirá a cubrir as necesidades básicas de alimentación da poboación máis vulnerable, o que repercute na promoción da súa inclusión social, entre outros beneficios.

Balrial nace no ano 2010 e traballa en programas dirixidos á atención social básica, como a alimentación, a través de entidades sociais que fan chegar os produtos a beneficiarios en situación de risco social. É dicir, actúan como entidades maioristas de almacenamento e distribución de alimentos. En 2023, Balrial atendeu en Ferrol a 1.500 persoas, dato que pon de manifesto a necesidade de manter o respaldo a esta entidade.

Colaboración cos afectados pola dana

O Concello de Ferrol, en colaboración con Balrial, realizou unha recollida na Casa Solidaria de materiais e alimentos básicos para as persoas afectadas pola devastadora dana ocurrida a pasada semana e que afectou a numerosos municipios da Comunidad Valenciana e doutras comunidades autónomas. A través desta iniciativa recolléronse máis de 20.000 quilos de alimentos e material.

A entidade conta con infraestrutura a nivel nacional polo que todo o recolectado poñerá rumbo a Madrid, onde agardará instrucións da coordinadora valenciana.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar