xoves, 07 de novembro de 2024
O LAB LGTB+ oferta formación para familias e docentes en materia de diversidade sexual
A primeira actividade terá lugar o próximo 13 de novembro no IES Catabois
A concelleira de Muller e Igualdade, Elvira Miramontes, deu conta hoxe en comisión da formación que impartirá o Laboratorio de Apoderamento (LAB) LGBT+ para docentes e familias en materia de diversidade sexual. “Ferrol é un dos seis municipios da comarca, xunto con Narón, Neda, Fene, Valdoviño e San Sadurniño, que participa nesta inciativa para abordar dun xeito integral a educación en materia de diversidade sexual”, apuntou.
Tras o comezo en outubro do traballo nas aulas coa mocidade, o seguinte paso é a formación para as familias e os docentes a través dun obradoiro de dúas sesións nos centros participantes, que no caso de Ferrol é no IES Catabois. Cada sesión ten unha duración de dúas horas. Na primeira abórdase o que é a diversidade sexual e, na segunda, partindo da información obtida co traballo cos alumnos no centro, afóndase en como acompañar á mocidade.
Esta formación está aberta a calquera persoa adulta interesada en participar, tanto se son familiares dos participantes no programa, como doutros niveis do centro ou doutros centros do concello. En Ferrol, haberá dúas sesións os días 13 e 20 de novembro no IES de Catabois en horario de 18:00 a 20:00 horas.
A actividade é de balde e as prazas son limitadas. As inscricións poden facerse a través deste formulario ata o día previo do arranque das sesións.