Novas

mércores, 06 de novembro de 2024

O Concello organiza este sábado ‘Un día no Ferrol mariñeiro’ dentro do proxecto Nós Mariñeir@s

A iniciativa, para a que se esgotaron as prazas en poucos días, desenvolverase de 10:30 a 14:00 horas con visitas aos espazos industriais e un cruceiro pola ría


Este sábado celébrase a primeira actividade do proxecto Nós Mariñeir@s, unha iniciativa do Concello de Ferrol que pon en valor a cultura mariñeira vinculada especialmente ao barrio de Ferrol Vello. Esta primeira proposta leva por título Un día no Ferrol Mariñeiro e o seu obxectivo é facer un percorrido de media xornada pola actividade que se xera arredor do sector marítimo.

A partir das 10:30 horas, as persoas participantes realizarán unha visita guiada aos espazos industriais que a mediados do século pasado fixeron do porto de Ferrol un importante enclave empresarial. A Fábrica de Lapis, a de Xeo, a Pysbe ou Xabóns Beceiro-Pucho son algunhas destas industrias, xa desaparecidas, cuxa memoria se recuperará a través deste itinerario.

A continuación realizarase un cruceiro pola ría de Ferrol no que se explicarán os aspectos relacionados coas capturas pesqueiras e marisqueiras e o medioambiente -a través dun membro da Confraría- e co valor patrimonial e paisaxístico, cos comentarios dunha guía turística. No transcurso do percorrido haberá unha degustación de produtos procedentes da propia ría, das capturas do pósito local.

As 45 prazas gratuítas que se habilitaron para participar na iniciativa esgotáronse en poucos días e mesmo se estableceu unha lista de espera para cubrir posibles baixas.

Nós Mariñeir@s é un proxecto subvencionado pola Consellería do Mar financiado con fondos FEXPA tramitados a través do GALP Golfo Ártabro Norte, para o que o Concello de Ferrol conta coa colaboración de institucións e entidades vinculadas a Ferrol Vello e ao mundo do mar, como a Autoridade Portuaria, a Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol, a AVV de Ferrol Vello, a asociación de hostaleiros Férvello ou a Escola Náutico-Pesqueira. Desenvolverase ao longo deste ano e do 2025 con novas actividades que inclúen máis visitas guiadas, obradoiros de cociña infantís e para adultos ou a elaboración dun receitario con platos tradicionais e gravación de pezas de vídeo, entre outros traballos.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar