mércores, 06 de novembro de 2024
Xogadores de Magic de todo o país daranse cita no I Artabrian Weekend de Ferrol
Celebrarase do 22 ao 24 de novembro en Pazo do Monte. Xa hai máis de 140 participantes inscritos procedentes de Galicia, así como de Madrid, Andalucía ou Canarias
O concelleiro de Xuventude, Arán López, presentou esta mañá o I Artabrian Weekend, un torneo de diferentes formatos do xogo Magic: The Gathering, que atraerá xogadores de todos os puntos de España do 22 ao 24 de novembro no Pazo do Monte. O edil estivo acompañado polo presidente de Artabrian Nights, Miguel Vidal.
O edil destaca que a iniciativa busca revitalizar e ampliar a comunidade de xogo da zona, así como fomentar os valores de amizade, pensamento crítico, respecto e deportividade. Así mesmo, o Artabrian Nights contribuirá ao fomento do turismo e promoción da cidade. Cómpre destacar que xa hai xogadores confirmados de Andalucía, Asturias, Cantabria, Madrid, País Vasco e Canarias e o número de inscricións ascende xa a 140 participantes.
Ademais dos torneos principais, haberá torneos paralelos para aqueles que queden eliminados ou non lles interese o formato do día, ademais de actividades doutros xogos de cartas como One Piece ou Star Wars. Así mesmo, haberá ludoteca gratuíta de xogos de mesa dos que poderá desfrutar calquera persoa, con alternativas para todas as idades.
Arán López destacou que a iniciativa ten tamén unha perspectiva solidaria, xa que realizaranse diferentes sorteos nos que, para participar, é preciso doar comida para o Banco de Alimentos, entidade que nestes momentos está a colaborar activamente coas persoas afectadas pola dana.
Pola súa banda, Vidal agradeceu ao Concello a súa aposta por esta iniciativa cunha edición que agarda que “sexa a primeira de moitas”. “Queremos que Ferrol estea no mapa competitivo do xogo a nivel nacional”, engadiu, de aí a variedade de modalidades de competición.
Para participar, as persoas interesadas poden inscribirse na web do evento, www.artabriannights.com.