Novas

martes, 05 de novembro de 2024

Ferrol eríxese como expoñente do turismo industrial en Madrid

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, participou na inauguración da exposición ‘Capital industrial. Galicia’


Ferrol eríxese como expoñente do turismo industrial en Madrid

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, participou esta tarde na inauguración da iniciativa Capital industrial. Galicia, celebrada na Casa de Galicia en Madrid, e na que a cidade departamental erixiuse como expoñente do turismo industrial.

Ferrol ten alí o seu papel nunha exposición, aberta ao público desde hoxe e ata o 29 de novembro, que contén unha mostra do vasto material expositivo de Exponav. Concretamente, trasladáronse a Madrid reproducións da fragata Baleares, do remolcado de rada Y-147 e do remolcador a vapor Fransio F-71, así como un telégrafo de ordes e unha corredoira.

O alcalde da cidade departamental amosou a súa satisfacción porque Ferrol sexa unha vez máis protagonista na capital do país, “un feito que, sen dúbida, redundará en que a cidadanía española coñeza un pouco máis de preto a nosa terra”.

O turismo industrial é un dos nosos maiores atractivos como cidade”, engadiu. “Somos a cidade do mar e da construción naval e ambas características resultan nun lugar de gran atractivo para o visitante, que pode desfrutar do noso incomparable patrimonio cultural e natural”.

Neste contexto, Rey Varela lembrou a Ruta da Construción Naval, un elemento distintivo do turismo industrial na cidade que permite ao visitante coñecer as primitivas murallas defensivas do século XVIII, a tecnoloxía das fragatas máis avanzadas do mundo e a estratéxica situación das baterías de costa, así como a enorme magnitude dos estaleiros civís e militares. Ao fío disto, fixo referencia ao Arsenal, que “foi o estaleiro máis importante de Europa e que hoxe é Ben de Interese Cultural” e a Navantia Ferrol, que segue a construír buques pero que tamén evoluciona cos tempos cara a fabricación de compoñentes para a eólica mariña.

Todo isto dá forma á marca Ferrol, ao noso selo de identidade que queremos compartir co mundo, tal e como estamos a facer hoxe na Casa de Galicia en Madrid”, manifestou, concluíndo a súa intervención convidando ás autoridades e público presente a coñecer a cidade departamental.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar