Novas

martes, 05 de novembro de 2024

Un total de 20 locais de hostalería participan nunha nova edición de Tapéate

Serviranse tapas a tres euros nos servizos de comidas e ceas dende o día 7 ata o 17 de novembro


Un total de 20 locais de hostalería participan nunha nova edición de Tapéate

A concelleira de Turismo, Maica García, acompañada do presidente da Asociación de Hostalería de Ferrol, Emilio Vázquez, e da técnica, María Saavedra, presentou unha nova edición de Tapéate, que terá lugar do 7 ao 17 novembro. “Estamos satisfeitos coa participación de tantos locais hostaleiros da cidade, Tapéate convértese en todo un referente da nosa gastronomía”, afirmou a edila.

García sinalou que, a través desta iniciativa xa consolidada, “daremos a coñecer a creatividade e potencial dos nosos hostaleiros e tamén a riqueza e variedade dos produtos locais”. Ademais, Tapéate permite dinamizar a cidade poñendo en marcha esta ruta de tapas en tempada baixa e ser un reclamo turístico para os nosos visitantes. Vinte locais de hostalería participan nesta edición, que ofertarán en horario de xantar e de ceas, unha tapa, que pode ser doce ou salgada, ao prezo de tres euros sen bebida.

Pola súa parte, Emilio Vázquez agradeceu a colaboración do Concello de Ferrol “sen o cal non sería posible manter Tapéate como levamos facendo dende o dende o 2014”. Ademais, apuntou, “axudamos a promocionar a tapas de Ferrol, algunhas delas elixidas como mellores tapas de Galicia, e axudamos tamén á hostelería en novembro, un mes frouxo”.

Dende a Asociación de Hostalería esperan que o nivel sexa moi alto nas tapas presentadas e animan tamén á cidadanía gozar das gastronomía ferrolá.

PREMIOS

O xurado profesional, que estará composto por tres membros, expertos en gastronomía e propostos pola Asociación de Empresarios de Hostalaría, outorgará tres premios por importe de 500, 400 e 300 euros para a primeira, segunda e terceira clasificada respectivamente. Na avaliación terase en conta os criterios de presentación, elaboración, degustación e uso de produtos autóctonos das tapas.

Así mesmo, haberá un galardón especial do público dotado con 300 euros, que se outorgará á tapa máis votada. Os locais participantes distribuirán entre os seus clientes as tarxetas nas que os consumidores deberán escribir os seus datos de contacto e tapa favorita e depositalas nas urnas dispostas nos locais. Esas mesmas tarxetas servirán como participación no sorteo de tres bonos de actividade turística en Ferrolterra por valor de 100 euros cada un. Para que a participación sexa válida, deberá levar o cuño de catro locais participantes diferentes. O sorteo realizarase na sede da Asociación de Empresarios de Hostalaría o 24 de novembro ás 10:30 horas.

A concelleira de Turismo aproveitou para “invitar á cidadanía a desfrutar un ano máis do Tapéate e a sorprenderse coa creatividade dos nosos hostaleiros, sen esquecerse de votar pola mellor tapa do 2024”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar