luns, 04 de novembro de 2024
O pleno do Concello aproba unha modificación de crédito por máis de 1,5 millóns de euros para novos proxectos e inversión
Executaranse nove actuacións, entre elas, melloras no castelo de San Felipe, por máis de 300.000 euros
O pleno do Concello de Ferrol aprobou cos votos a favor do Goberno, a abstención do grupo municipal do PSOE e os votos en contra de BNG e FeC unha modificación de crédito por máis de 1,5 millóns de euros. A concelleira de Facenda, Susana Sanjurjo, defendeu a proposta de aprobación do expediente de modificación de crédito 85/2024, subexpedientes nº5/2024 de suplemento de crédito e nº 3/2024 de crédito extraordinario para abordar o pago de finalidades e conceptos oportunos e necesarios. Estímase procedente tramitalo con cargo ao Remanente Líquido de Tesourería para gastos xerais, avanzou. “Trátase dunha modificación por un importe de 1.449.756,61 euros que permitirá a execución de varios proxectos e actuacións de distintas concellerías”.
En total son nove actuacións con distintas finalidades: o refundido no Castelo de San Felipe, 211.040,52 euros; o pago das horas extras efectuadas no último trimestre deste ano por un importe de 350.915 euros (incluído a Seguridade Social), Sanjurjo apuntou aquí que “isto é algo histórico, pois sempre se pagaron as horas extras con máis dun ano de retraso” e, ademais, revelou que “reducíronse un 22,5% as horas extras efectuadas no 2024, con respecto aos anos anteriores, o que é sen dúbida un bo dato”. E algo posible grazas á intensa labor para aumentar a plantilla do Concello, que estaba tan mermada e en mínimos. “A data de hoxe hai 30 persoas máis traballando no Concello de Ferrol, aínda queda moito traballo por facer, pero está claro que este é o camiño da recuperación en todos os sentidos”, afirmou a concelleira.
Outra partida, de 236.000 euros irá destinada a actividades culturais para o ocio e disfrute dos veciños de Ferrol.
Para o programa de contabilidade e nóminas destinarase unha partida de 400.000 euros. “Isto é tanto unha demanda histórica dos funcionarios municipais, como unha necesidade xa que permitirá axilizar e facilitar procedementos administrativos”. Así, tratarase de facer fronte a problemas estruturais no concello, o que se traducirá nunha mellor administración, como por exemplo o Período Medio de Pago, que leva tamén tantos anos arrastrando malos datos, adiantou a concelleira.
E tres actuacións importantes na área de Deportes que son: o mantenemento e conservación do complexo polideportivo Javier Gómez Noya, a reparación do terreo de xogo no campo de rugby da Malata e mantemento no complexo polideportivo de A Malata por un importe de 155.000 euros en total.
E tamén para a renovación da instalación eléctrica en baixa tensión do castelo de San Felipe por un importe de 96.000 euros.