luns, 04 de novembro de 2024
O alcalde de Ferrol apela á solidariedade ferrolá na recollida de alimentos e materiais para os afectados pola dana
A recollida estará operativa dende hoxe ata o mércores 6 en horario de 10:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:00 horas
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, acompañado da concelleira de Política Social e Inclusión, Rosa Martínez, visitou esta mañá a Casa Solidaria onde se están a recoller alimentos básicos e materiais para as persoas afectadas pola devastadora dana ocurrida a pasada semana e que afectou a numerosos municipios da Comunidad Valenciana e doutras comunidades autónomas. “Fixemos ofrecementos de material e de equipos, a resposta foi rápida e, como sempre, o pobo de Ferrol está á altura”. Na xornada do sábado e do domingo estableceuse, en coordinación co Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial), un punto de recollida na praza de Armas.
Rey Varela trasladou, unha vez máis, unha mensaxe de solidaridade e de apoio ás familias afectas, “queremos dicirlles que dende Ferrol axudarémoslles en todo o que nos sexa posible”.
A recollida en Ferrol é levada a cabo por voluntarios da Oficina municipal de voluntariado e a eles sumaranse outros do Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial), xa que esta axuda canalizarase a través desta entidade, que conta con infraestrutura a nivel nacional. Todo o recollido ata o mércores será trasladado ao almacén de Balrial de A Gándara e de aí poñerá rumbo a Madrid, onde agardará instrucións da coordinadora valenciana.
As persoas interesadas en participar nesta recollida poden facelo dende hoxe ata o mércores 6 de novembro na Casa Solidaria en horario de 10:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Poden doar produtos alimenticios e materiais: auga, leite, pan de molde, latas de atún, artigos de limpeza persoal e doméstica, cueiros e compresas.
CONVOI DE BOMBEIROS E PROTECCIÓN CIVIL
Rey Varela adiantou que “esta tarde partirá da nosa cidade un convoi de seguridade formado por cinco bombeiros e cinco técnicos sanitarios de Protección Civil para colaborar nos traballos de limpeza e rescates”. Este operativo permanecerá ata o xoves, aínda que dependerá da situación da zona de traballo.
Entre o material que se aportará para as tarefas previstas está un remolque motobomba de achique, unha motobomba portátil, dúas motobombas portátiles eléctricas, un xenerador portátil, unha ferramenta multiusos hidráulica de funcionamento eléctrico, cámaras de elevación de aire para elevación de cargas pesadas, unha motoserra para corte de madeira, material diverso de rescate acuático e en altura, traxes de protección biolóxica, detector de gases, un equipo de iluminación portátil, un dron, material sanitario, mascarillas FFP2 e auga.
OUTROS XEITOS DE COLABORAR
Ademais, desta colaboración co Banco de Alimentos, o Concello tamén está en contacto con Cáritas e Cruz Roja, que poñen a disposición sendas contas para que a cidadanía poida realizar as súas doazóns. Así, as achegas para Cáritas poden facerse a través da súa páxina web ou das seguintes contas bancarias:
Abanca: ES67 2080 0200 4130 0081 4843
Banco Santander: ES28 0049 0085 1921 1095 9715
Bizum: 38378
Pola súa banda, Cruz Roja tamén ten operativa a súa páxina web para doazóns, así como Bizum ao 33512.