luns, 04 de novembro de 2024
A paxareira do Cantón, un reclamo de Nadal máis para visitar
A Xunta de Goberno local vén de adxudicar a decoración interior deste espazo ubicado no Cantón
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, avanzou que a Xunta de Goberno local aprobou adxudicar o deseño, subministro e instalación de elementos decorativos para a paxarería do Cantón. Nadal 2024-2025 a Santiago Rey Mosquera na cantidade total de 23.595 euros (IVE incluido). “A semana pasada sacamos a licitación a instalación dunha árbore luminosa de 18 metros e, agora, completamos esta ambientación de nadal coa decoración da paxareira do Cantón”.
O prazo de execución deste contrato abrangue a campaña de Nadal 2024-2025, a montaxe da decoración deberá realizarse antes do 5 de decembro e estará ata o 8 de xaneiro do 2025. O adxudicatario disporá de dúas xornadas (do 8 ao 10 de xaneiro) para desmontar a decoración.
O contrato inclúe o deseño da decoración da paxareira, a dotación e instalación do material necesario para a execución do contrato, a subministración, instalación, mantemento e desmontaxe dos elementos temáticos e expositivos do Nadal, así como a instalación de elementos lumínicos na paxareira.
ALUMEADO DE NADAL
No tocante ao servizo de instalación de desinstalación de luces de elementos de Nadal, este xa foi aprobado o ano pasado por dúas anualidades (2023-2024 e 2024-2025). A previsión inicial é que as luces estean instaladas a partir do 29 de novembro, tal e como recolle o prego, e partir do 8 de xaneiro de cada ano procederase á desmontaxe que deberá estar rematada no prazo de catro semanas.
Ferrol contará en Nadal con 350 arcadas, 33 árbores decoradas e 32 motivos en prazas aos que se sumarán máis de 100 arcadas e motivos de Nadal que son propiedade do Concello de Ferrol e que instalará a empresa de mantemento eléctrico.