Novas

sábado, 02 de novembro de 2024

O Concello realizará unha recollida de alimentos e materiais para os afectados pola dana

Os interesados en colaborar poderán depositar os produtos do luns 4 ao mércores 6 de novembro na Casa Solidaria


O Concello de Ferrol realizará unha recollida de materiais e alimentos básicos para as persoas afectadas pola devastadora dana ocurrida esta semana e que afectou a numerosos municipios da Comunidad Valenciana e doutras comunidades autónomas. A recollida realizarase do luns 4 ao mércores 6 de novembro na Casa Solidaria en horario de 10:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

A concelleira de Política Social e Inclusión, Rosa Martínez, contactou co secretario da Federación Valenciana de Municipios y Provincias (FVMP), Miguel Bailach, para amosar o pésame e apoio do pobo ferrolán ante esta dramática situación, así como para obter información sobre cal sería o mellor xeito de colaborar desde Ferrol.

En virtude disto, recolleranse os seguintes produtos alimenticios e materiais: auga, leite, fiambre, pan, pan de molde, latas de atún, artigos de limpeza persoal e doméstica, cueiros e compresas.

Rosa Martínez incide en que estes serán, polo momento, os únicos materiais que se recollan, se ben o listado poderá ampliarse nun futuro, sempre baixo as indicacións da FVMP. A recollida será levada a cabo por voluntarios da Oficina municipal de voluntariado e a eles sumaranse outros do Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial), xa que esta axuda canalizarase a través desta entidade, que conta con infraestrutura a nivel nacional. Neste sentido, todo o recolectado trasladarase ao almacén de Balrial de A Gándara e de aí poñerá rumbo a Madrid, onde agardará instrucións da coordinadora valenciana. Así mesmo, de xeito paralelo á recollida do Concello, Balrial terá un posto desde hoxe na praza de Armas.

A edila destaca a necesidade de actuar sempre baixo as intrucións da FVMP, para que a axuda que reciban nos territorios afectados sexa a adecuada en cada momento e que non chegue a ser un obstáculo a nivel loxístico tendo en conta o estado das estradas no lugar.

Cómpre destacar que, ademais desta recollida de alimentos e materiais, a concellería de Política Social e Inclusión e a concellería de Seguridade do Concello de Ferrol puxeron a disposición da FVMP os medios humanos e materiais que poidan precisar.

Outros xeitos de colaborar

Ademais desta colaboración co Banco de Alimentos, o Concello tamén está en contacto con Cáritas e Cruz Roja, que poñen a disposición da cidadanía sendas contas para que a cidadanía poida realizar as súas doazóns.

Así, as achegas para Cáritas poden facerse a través da súa páxina web ou das seguintes contas bancarias:

Abanca: ES67 2080 0200 4130 0081 4843

Banco Santander: ES28 0049 0085 1921 1095 9715

Bizum: 38378

Pola súa banda, Cruz Roja tamén ten operativa a súa páxina web para doazóns, así como Bizum ao 33512.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar