mércores, 30 de outubro de 2024
O buque escola Juan Sebastian de Elcano recalará en Ferrol en xullo do 2025
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asistiu á presentación do XCVII Crucero de Instrucción, que realizará Su Alteza Real, Leonor de Borbón
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asistiu esta tarde á presentación no Museo Naval de Madrid do XCVII Crucero de Instrucción que realizará o buque-escola Juan Sebastian de Elcano durante o ano 2025.
O acto estivo presidido pola ministra de Defensa, Margarita Robles, e contou coa asistencia do Almirante Jefe de Estado Mayor de la Armada, Antonio Piñeiro Sánchez, e nel deuse a coñecer que, dentro do seu percorrido, o buque recalará na cidade de Ferrol, algo que non sucede desde o ano 2013. A súa visita está prevista do 9 ao 12 de xullo de 2025.
Trátase ademais dun cruceiro cun significado especial para a Armada, xa que será realizado por Su Alteza Real, a Princesa de Asturias, Leonor de Borbón, para continuar a súa formación naval e mariñeira iniciada na Escuela Naval Militar.
O alcalde amosou a súa satisfacción por que Ferrol, de fonda historia naval e militar, sexa un dos puntos de amarre do Juan Sebastian de Elcano. Cómpre destacar que Elcano é o buque máis representativo da Armada e a súa parada sempre esperta o interese da cidadanía dos portos que visita.