martes, 29 de outubro de 2024
O Concello de Ferrol pon en marcha o programa Previr é Vivir para retrasar a aparición de enfermidades neurodexenerativas
Trátase da celebración dunha serie de actividades que buscan mellorar os hábitos de vida das persoas participantes de cara a conseguir este obxectivo
A concelleira de Política Social e Inclusión, Rosa Martínez, presentou esta mañá o programa Previr é vivir, destinado ás persoas maiores da cidade.
No marco desta iniciativa realizaranse actividades que teñen como obxectivo mellorar hábitos da vida diaria das persoas participantes, cos que se procurará mellorar o seu funcionamento cerebral e retrasar, na medida do posible, enfermidades como o Alzhéimer ou outras enfermidades neurodexenerativas.
A prevención ten unha gran importancia no retraso da aparición e redución destas afeccións, indicou a edila, polo que é vital poñer en marcha programas como Previr é vivir.
No marco do mesmo, levaranse a cabo actividades na vertente mental, como xogando con números e letras ou adiviñas da nosa vida; mentres que no plano físico desenvolveranse accións para estirar os músculos e para fomentar a mobilidade. Así mesmo, Previr é Vivir ten unha parte social na que os participantes contarán historias e poderán aprender sobre como alimentarse ben nesta etapa da vida. Fomentar a reserva motivadora, a través de ilusións, risa e pensamentos positivos tamén forma parte desta iniciativa.
Previr é vivir constará de 35 sesións repartidas entre os meses de novembro e decembro nas asociacións veciñais de Viladóniga, Esteiro e Recimil. As persoas interesadas poderán inscribirse realizando unha chamada ao 606 669 021 ou ao 678 942 901. As prazas outorgaranse por rigorosa orde de inscrición.
HOMENAXE AOS MAIORES CENTENAR100S
Mañá a partir das 19.30 horas no teatro Jofre terá lugar a homenaxe aos nosos maiores Centenar100s, coa actuación da Rondalla Só Elas. A entrada é gratuíta previa retirada na taquilla do teatro ata fin de existencias.