xoves, 03 de outubro de 2024
Maiores de Ferrol visitan o museo do Caldoval, unha actividade máis con motivo do Día Internacional das persoas maiores
A concellería de Política Social, ao frente da que se atopa a concelleira Rosa Martínez, ten programada unha serie de actividades ao longo deste mes con motivo do Día internacional dos maiores, que se conmemorou o 1 de outubro, data fixada pola ONU. Así á festa celebrada o martes no centro de Río Xubia, sumouse onte un pleno de persoas maiores que trasladaron ao alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, as súas demandas, entre outras, facer unha cidade máis accesible.
Mañá está prevista unha excursión ao museo do centro de interpretación de Caldoval en Mugardos, onde ademais está previsto un obradoiro de orfebrería. A saída realizarase ás 10.00 horas da praza de Galicia (fronte a Correos) e o regreso está previsto ás 12.00 horas. E, a partir das 20.30 horas, poderán gozar do espectáculo O Camiño de Setestrelo, no teatro Jofre.
O sábado 5 os maiores teñen unha cita co San Froilán, en Lugo, cuxas prazas xa están esgotadas. O 17 haberá outra excursión, nesta ocasión a Esmelle para coñecer o Museo de cerámica adicado ao escultor Francisco Pérez Porto.
E un día máis tarde, o 18, poderán asistir en Mondoñedo As San Lucas, para poder ir deberán reservar praza o día 14 na axencia de viaxes Paco. (Rúa da Terra).
O Torrente Ballester é o escenario elixido o 30 de outubro para a proxección homenaxe aos maiores de 100 anos de Ferrol, co que se finalizarán as actividades previstas.