Novas

luns, 30 de setembro de 2024

O Concello de Ferrol destina 52.000 euros á conservación e divulgación do patrimonio a través de proxectos con entidades veciñais e sociais

A AVV de Esmelle, a Asociación Comuneiros Chá de Brión e a SGHN reciben unha subvención para estes proxectos de preservación do patrimonio


O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, avanzou tamén que a XGL aprobou tres subvencións nominativas á AVV de Esmelle, á Asociación Comuneiros do Chá e á SGHN e todas teñen o mesmo fin “a preservación do patrimonio material e inmaterial galego e a súa difusión”.

Como alcalde, síntome orgulloso, afirmou Rey Varela, do importante traballo de recuperación que fan estas e outras entidades axudando a preservar o máis importante que temos, a nosa cultura e o noso patrimonio histórico e natural.

Así grazas á subvención nominativa concedida á AVV Valle de San Xoán de Esmelle, 6.000 euros, levarán a cabo o Proxecto Esmelle, que ten como fin a revalorización do val de Esmelle baseándose na recuperación do seu patrimonio e no aproveitamento sostible dos recursos. O proxecto concíbese para tentar non perder o patrimonio etnográfico co que conta esta parroquia.

A Asociación Comuneiros do Chá é a encargada de promover o proxecto Recuperación dos Montes do Chá, que representa por unha parte un impulso á convivencia e participación dos veciños e, por outra, a recuperación duns bens patrimoniais e recursos medioambientais para disfrute de todos os cidadáns. Para levar a cabo as actuacións deste proxecto contarán cunha axuda de 6.000 euros.

Pola súa parte, a Sociedade Galega de Historia Natural leva dende 1979 realizando actividades en Ferrol en favor da preservación do patrimonio natural da comarca e en forma de publicacións divulgativas, pezas en exposición, actividades de interpretación do patrimonio natural, ademais de consolidar unha suma de coleccións de gran interese. Esta entidade percibirá 40.000 euros para manter e divulgar o Museo dedicado principalmente á fauna, flora, xeoloxía, astronomía e fósiles en Galicia. Ten colección únicas e de grande valor, froito de moitos anos de traballo. É o único equipamento das características expostas con que conta o Concello de Ferrol e a súa labor divulgativa, cultural, de formación, investigación e sensibilización en materia medioambiental e coidado do medio natural, é un atractivo máis da cidade.

Nesta liña de colaboración, de traballo conxunto para a preservación do noso patrimonio e da nosa cultura, as entidades seguirán sempre atopando a colaboración e o respaldo do Concello de Ferrol”, garantiu o alcalde.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar