Novas

luns, 30 de setembro de 2024

O Concello de Ferrol concertará a operación de crédito nos orzamentos de 2024 para garantir as inversións comprometidas

O préstamo solicitado ascende a case 12 millóns de euros


O Concello de Ferrol concertará a operación de crédito nos orzamentos de 2024 para garantir as inversións comprometidas

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, informou que a Xunta de Goberno local aprobou o expediente para concertar unha operación de crédito a longo prazo para garantir o financiamento de distintos compromisos do mandato por un importe de 11.927.728,87 euros.

O orzamento do Concello para o ano 2024 foi aprobado definitivamente polo pleno o 16 de maio de 2024 e publicado no BOP o 22 de maio. No orzamento de ingresos prevese, dentro das operacións financieiras no capítulo IX, a apelación do préstamo por un importe de 11.927.728,87 euros.

No anexo de investimentos recóllense os proxectos de gastos, así como o importe do préstamo que se destina a cada proxecto. O rexedor indicou que o informe de Intervención “avala que a amplitude e diversidade dos proxectos fai difícil precisar tanto a data de inicio de execución como o período de vida útil que debe servir de base para a fixación do período de amortización”. Por estas razóns, parece convinte a previa apertura de crédito por un período de tres anos para a disposición gradual dos fondos en función do grado de execución dos investimentos e establecer o período de amortización en 10 anos.

TIPO DE OPERACIÓN

A operación de préstamo a longo prazo que se concertará cunha entidade financieira terá dous tramos: un primeiro tramo como póliza de crédito podendo o Concello de Ferrol en función da execución dos investimentos, e durante un período de tres anos a contar dende que se formalice a operación, dispor dos fondos nunha ou varias disposicións. Durante ese prazo só se efectuarán xuros en función das contías dispostas.

E segundo tramo que corresponderá ao da amortización, que terá unha duración de dez anos, a contar do remate de prazo de tres anos de disposición. Durante ese prazo efectuaranse os pagamentos de xuros e reembolsos do capital mediante entregas trimestrais. Polo tanto, o prazo total da operación é de 13 anos e a periodicidade dos pagos é trimestral.

PRESENTACIÓN DAS OFERTAS

Darase publicidade a esta licitación mediante invitación dirixida ás entidades financieiras que teñan algún tipo de vinculación co Concello de Ferrol, as que colaboran co servizo de recadación ou aquelas que así o soliciten.

A presentación de ofertas realizarase, en sobre pechado, no que se indicará Operación de préstamo orzamento 2024 a través do Rexistro Xeral do Concello ou a través do portal do cidadán en www.ferrol.es

O prazo de presentación de ofertas será de dez días hábiles a contar dende o día seguinte á recepción da invitación para participar.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar